Afonso Fernandez Cubel

Afonso Fernandez Cubel

Trobador, talvez de orixe portuguesa. Desenvolveu a súa actividade poético-musical a finais do século XIII ou nos primeiros anos da seguinte centuria, posiblemente nos círculos da Corte de Don Dinís. Aínda que unha parte da crítica especializada defendeu a súa identificación co nobre sevillano Afonso Fernandez Cebolhilha, a investigación actual considera, sen embargo, que se trata de dous autores diferentes. De condición cabaleiro, segundo indica a rúbrica atributiva “Afonso Fernandez Cubel caualeyro” que acompaña a súa cantiga nos manuscritos, o trobador posiblemente pertenceu a unha liñaxe de cabaleiros que, con este apelido, se asentaba no val do río Lima, no Alto Minho portugués. Os apógrafos italianos, o Cancioneiro da Biblioteca Nacional, e o Cancioneiro da Biblioteca Vaticana, só nos enviaron unha composición de Afonso Fernandez Cubel: unha cantiga de escarnio e maldicir, “De como mi ora con el-Rei aveo”. O texto, que tamén foi recollido na copia tardía do códice da Vaticana, o Cancioneiro da Bancroft Library, figura así mesmo baixo a atribución do autor na Tavola Colocciana. Trátase dun escarnio persoal no que o trobador satiriza a un rei, sen nomealo, que lle espoliou os seus bens e ao que, malia a todo, lle promete fidelidade. Elaborada seguindo a modalidade compositiva da cantiga de mestría, en cobras singulares e dotada dunha finda de tres versos, a composición desenvólvese seguindo o esquema métrico abbacca, que presenta variación para a primeira cobra (10’a 10b 10b 10’a 10’c 10’c 10’a), coa rima c feminina, e para a segunda e terceira estrofas (10’a 10b 10b 10’a 10c 10c 10’a), nas que a rima c é masculina. A finda non respecta a norma marcada pola Arte de trobar, segundo a cal esta debía retomar a medida e a rima dos últimos versos da estrofa precedente cando a cantiga é de mestría, xa que aparece construída segundo o esquema 10d 10d 10’a.

Cronoloxía

  • Deceso

    Lugar : XIV