Afonso Páez de Braga
Trobador portugués activo no terceiro cuarto do século XIII. Pertencía á pequena nobreza da rexión de Braga. De feito, nas Inquirições de 1258 faise referencia a un tal Afonso Pais de Guimarães. A ausencia de testemuños da súa presenza en círculos reais levou a pensar nunha posible relación cos Briteiros. Así, a estadía deste personaxe nas Cortes de Afonso III e de Don Dinís estableceuse a partir da suposta relación con Men Rodriguez de Briteiros e Johan Mendiz de Briteiros. A presenza destes dous últimos trobadores nestas cortes portuguesas está atestada nas chancelerías destes reis. A súa produción poética está constituída por catro cantigas de amor e un escarnio de amor (fragmentario) onde se menciona o nome dunha dama: Sancha Garcia. Estas composicións foron copiadas tanto no Cancioneiro da Biblioteca Nacional como no Cancioneiro da Biblioteca Vaticana. Os temas presentes neste grupo de cantigas son os típicos deste xénero amoroso: o nacemento do amor a través da vista, a coita do trobador, a morte de amor, a saña e o servizo amoroso unido ao pavor do poeta. Singular é a cantiga “Poys mha senhor de mi non quer pensar”, que presenta motivos da mala cansó e da chanson de change: o amante canso de servir á súa dama e de non ser recompensado, opta por cambiar de senhor. O autor organizou a súa produción en dúas cantigas de mestría e dúas de refrán. Non obstante , preferiu as cobras unisonantes, presentes en tres das súas composicións, fronte ás cobras alternas que só aparecen na cantiga “A que eu quero gram ben, des que a vi”.