Afonso Soarez Sarraça Sança
Trobador galego, mencionado nos Livros de Linhagens por mor do casamento de seus pais, Soeiro Ares e Maria Afonso, filla ilexítima de Afonso IX de León. Participou, xunto co seu irmán Pero Soarez, na conquista de Sevilla, sendo ambos os dous beneficiados no Repartimiento de Sevilla de 1248. Estes datos fan supoñer que desenvolvería a súa actividade poética no segundo cuarto do s XIII. Non obstante , a súa mención en 1262 no testamento da súa muller Teresa Anes de Deza, no que pide ser enterrada no mosteiro de Santa María de Aciveiro (Forcarei), demostran que aínda estaría activo neste ano. A produción deste trobador consta unicamente do escarnio persoal “Poren Tareija Lópiz non quer Pero Marinho”, conservado no Cancioneiro da Biblioteca Nacional e no Cancioneiro da Biblioteca Vaticana. A alusión a Tareija Lópiz e a Pero Marinho, personaxes que mantiveron relacións cos Sarraças no século XIII, seguen corroborando o período de actividade que se ten establecido. A experiencia de Tareija Lópiz, posible viúva dun home máis vello ca ela, fai que rexeite a proposta de matrimonio de Pero Marinho por non tratarse dunha persoa nova como ela desexa aínda que era rico; esta negativa da muller reitérase no primeiro verso de todas as cobras mediante estruturas paralelísticas. Formalmente, trátase dunha cantiga de refrán con dístico inicial e tres cobras singulares de cinco versos -dous deles de refrán- con trece sílabas cada un. Esta composición foi disposta polos seus editores en versos longos, se ben tamén podería estar organizada en versos curtos.