aldea
(<ár aḋ-ḋai’â ‘a finca rústica, o casal’)
-
s
f
[XEOG]
Entidade de poboación de pequeno tamaño que acolle a varias familias. Coma entidade local de ámbito inferior ao parroquial supera a simple connotación de conxunto de casas máis ou menos contiguas: é unha comunidade social baseada en razóns históricas e ecolóxicas, onde se mantén unha intensa relación co medio. A aldea ten un valor morfolóxico e socio-antropolóxico. Dentro da Península Ibérica, Galicia, norte de Portugal e parte de Asturias son as áreas propias da aldea como asentamento de poboación de exiguas dimensións. Noutros países de Europa existen termos para definir establecementos de pouca magnitude e escasa influencia como centros de mercado e servicios, pero cunha importante disposición sobre o territorio: o hameau francés, o hamlet inglés, o weiler alemán, os casali italianos, o catun de romeno, o kolibé búlgaro, etc. A aldea é a célula básica da ocupación do espazo rural en Galicia. O interese xeográfico sobre a concentración e a dispersión no hábitat rural estendeuse á necesidade de catalogar a aldea galega. Esta é unha forma de dispersión máis que de agrupamento, papel este último que lle corresponde á parroquia. O dinamismo deste tipo de asentamento posibilita transformacións nos trazos principais das aldeas. Esta situación pode chegar a significar importantes cambios na súa morfoloxía: vivendas de reposición construídas por emigrantes e agricultores introducidos no circuíto comercial, vivendas secundarias, casas de agricultores a tempo parcial, vivendas de habitantes da urbe que se desprazan a residir aos entornos das cidades, etc. Na actualidade, a aldea é a entidade de poboación máis común en Galicia, especialmente nas comarcas interiores. A representatividade dos espacios urbano e periurbano incide directamente na redución do rural no litoral atlántico. Moitas clasificacións tentan definir os distintos tipos de aldeas en Galicia. Seguindo a A. Pazo Labrador, distínguense dous grandes tipos de estruturas dos asentamentos rurais tradicionais: a estrutura mononuclear e a polinuclear . A primeira refírese á entidade de poboación que reúne as súas edificacións nun único grupo, independentemente da disposición e asociación interna. A estrutura polinuclear identifícase cando existen dous ou máis núcleos correspondentes a agrupacións máis ou menos ben definidas de edificacións. Neste caso, ás veces, pode estar separada por un pequeno accidente topográfico ou disociada sen máis. A disposición e asociación das células elementais pode ser diversa, incluso dentro dos núcleos que forman unha mesma entidade. As causas que explican a existencia de varios núcleos nunha mesma entidade poden ser de orde topográfica, ou doutras, en relación a unha alta densidade de poboación e unha intensa ocupación do espacio. Dentro da estrutura mononuclear distínguense á súa vez diferentes tipoloxías. A aldea moi compacta ten as súas edificacións moi próximas, con paredes medianeiras e con espacios intersticiais pequenos. Os seus límites son nítidos, con tendencia á forma circular. Destacan polo seu importante volume poboacional e edificatorio, aparecendo incluso incipientes principios urbanísticos como a rúa ou a praza. Esta tipoloxía de asentamento aumenta a súa presenza a medida que nos desprazamos ao interior de Galicia. Exemplos destas características son habituais no leste e surleste do país. Un segundo tipo mononuclear é a estrutura bastante compacta . Trátase dunha aldea cos elementos que a constitúen próximos ou bastante próximos, pero sen chegar a ter paredes medianeiras comúns. Os espacios intersticiais aumentan, existindo hortas ou pequenos trozos de terra entre as edificacións. Como no anterior caso, a súa forma tende ao circular. Estas dúas tipoloxías constitúen, para Niemeier, o tipo de asentamento máis antigo de Galicia. A estrutura mononuclear laxa presenta unha disposición dos seus elementos máis soltos e separados entre si. As distancias entre as edificacións non teñen porque ser uniformes, polo que algunhas partes da entidade poden rexistrar maior ou menor separación. Os espacios intersticiais increméntanse considerablemente con respecto aos casos anteriores, e ás pequenas hortas ou patios sucédenlle campos de labor que se mesturan co caserío. A forma aparece definida, aínda que o aspecto é moito máis irregular. Esta tipoloxía está ben representada nas Rías Baixas, sobre todo cando aparece atravesada por unha estrada importante. Por último, a estrutura mononuclear moi laxa caracterízase pola importante separación das súas edificacións, con formas indeterminadas e con límites difíciles de establecer. Estas características dan lugar a que non se poida falar de núcleo no sentido estricto do termo. O habitual é que se traten de asentamentos de orixe recente seguindo ás vías de comunicación. No tocante ás estruturas polinucleares , distínguense catro tipoloxías: a denominada estrutura en enxambre , composta por grupos de edificacións separadas entre si e a escasa distancia, e mesturadas con casas soltas intercaladas. A entidade ten formas pouco precisas e de gran extensión superficial, chegando en ocasións a superar as 200 edificacións. As distintas partes do enxambre están interconectadas mediante camiños que forman unha retícula. Frecuentemente, cada sector do enxambre recibe unha denominación propia. Esta estrutura de entidade de poboación está moi ben representada nas áreas costeiras das Rías Baixas e, en menor medida, nas Rías Altas e Golfo Ártabro. Nalgúns sectores aillados da Mariña atopamos tamén algúns exemplos de estrutura en enxambre. A estrutura polinuclear bastante compacta tamén está articulada en varios núcleos pero, a diferencia da anterior, son de distinto tamaño e fisonomía. Os diversos núcleos forman en conxunto unha única entidade, a pesar das diferentes denominacións que poden posuír cada un deles. Aínda que a morfoloxía do conxunto sexa indefinida, as formas dos núcleos debuxan espacios con tendencia ao circular. A súa extensión é grande, sobre todo nos de máis de dous núcleos. A principal diferenza con respecto á estrutura en enxambre radica na súa inferior extensión superficial e menor número de núcleos, que se vai corresponder cun inferior volume poboacional e edificativo. A influencia da proximidade dunha vía de comunicación provoca na actualidade a transformación de estruturas mononucleares en polinucleares. En épocas pasadas, estas transformacións estruturais entendíanse sobre todo baseándose no incremento da densidade de poboación e na aparición de novas roturacións do campo. A aldea polinuclear laxa ten orixes e trazos propios da tipoloxía anterior. As distincións baséanse fundamentalmente na estrutura de cada un dos núcleos que é do tipo laxo ou de casarío claro. Aínda que cada sector poida recibir diferentes denominacións, o conxunto configura unha única entidade recoñecida. Por último, destacamos unha estrutura polinuclear denominada núcleo compacto e casas soltas . Trátase dun asentamento onde a súa parte central ten unha estrutura compacta ou bastante compacta da que parten casas ou grupos de casas. Esta disgregación ou crecemento aleatorio vén dado habitualmente polo papel ordenador imposto por unha estrada. Nas Rías Baixas atopamos claros exemplos desta estrutura dende mediados do s XX. De entre todas as polinucleares destaca en Galicia a presenza das de tipo enxambre, que aumenta a súa representación cara ao S. Se ben o conxunto das polinucleares dominan nas áreas próximas á costa, as mononucleares fano nos sectores máis afastados e de maiores altitudes. En distintas estruturas de aldeas tivemos ocasión de comprobar a importancia xogada polas vías de comunicación. Na actualidade, o espallamento do hábitat, aproveitando unha rede de estradas e pistas, é predominante en Galicia. Segundo X.M. Souto González, esta grande proporción de aldeas-estrada correspóndese co forte aumento da densidade de poboación en determinados espacios do país. Esta dispersión de vivendas ailladas nas mesmas beiras das estradas racha definitivamente coa estrutura tradicional do hábitat galego, agrupadas en aldeas compactas e que hoxe poden chegar a estar incomunicadas. Segundo a morfoloxía das aldeas en Galicia distínguense catro tipoloxías principais: a primeira variedade correspóndese cos tipos estruturais máis elementais, circular ou tendente ao circula r. Aparece normalmente nas mononucleares moi compacta, bastante compacta ou laxa. En segundo lugar, unha forma moi común é a alongada , dado que aparece articulada por unha vía de comunicación. A morfoloxía alongada segundo unha curva de nivel constitúe un tipo de aldea moi influenciado polas características físicas do terreo. A súa denominación explícase en base á súa localización a media ladeira e en altitudes medias ou elevadas, aproveitando determinadas condicións topográficas favorables para o trazado dos camiños veciñais primitivos. Por último, a forma indeterminada é a máis frecuente nas estruturas polinucleares e enxambres, debido á propia configuración destes asentamentos. Na actualidade, a trama tradicional dos asentamentos rurais está en continua transformación. Entre os elementos distorsionadores destacamos catro fundamentais: en primeiro lugar, a expansión dos espacios urbanos e das súas áreas de influencia; en segundo, a rede de estradas como un factor esencial na ordenación do territorio, tanto como articuladora de novas edificacións como de desarticuladora dos asentamentos tradicionais; en terceiro lugar, o forte crecemento construtivo de vivendas secundarias e o aumento das actividades ligadas ao ocio por todo o territorio, e, por último, a extensión dos comportamentos e do modelo de vida urbano por todo o territorio que contribúen tamén decisivamente na desarticulación da trama tradicional. Estes e outros elementos inducen a un cambio na funcionalidade dos asentamentos, que agora se sitúan nun espazo cunha distinta valoración do medio. O antigo valor agronómico do solo é substituído por un novo valor de cambio, dun produto que se pode mercar e vender nun mercado. A dispersión das entidades tradicionais tende a reducirse en detrimento dunha diseminación secundaria en moitas ocasións anárquica. Os espacios onde se mantén a antiga estrutura e morfoloxía das aldeas en Galicia son maioritariamente os territorios máis periféricos do interior, caracterizados por unha profunda crise demográfica e socioeconómica, situación que provoca o abandono de aldeas debido a que a súa poboación emigrou ás cidades ou vilas do país. O presente de moitas aldeas do interior galego, fundamentalmente dos espacios de montaña, está caracterizado pola súa profunda agonía: sen efectivos ou, no mellor dos casos, profundamente avellentado, con vivendas abandonadas, semiderruídas e afastadas dos eixes de desenvolvemento. A recuperación das vivendas tradicionais por parte de habitantes urbanos na procura de lugares atractivos paisaxisticamente e lonxe da actividade urbana está a ter certa importancia na recuperación destas aldeas tradicionais. Non obstante, trátase de feitos aínda puntuais e só para o desfrute no período vacacional e nas fins de semana, sen carácter definitivo. Mentres tanto, os espacios máis dinámicos, fundamentalmente urbanos e en áreas costeiras, manteñen escasos trazos da trama tradicional debido á intensa presión demográfica, urbanística e económica imposta sobre eses espacios, máis desenvolvidos e poboados.
-
aldea global
[XEOG]
Concepto que xorde co espallamento das novas tecnoloxías da comunicación, que permiten coñecer en directo todo tipo de acontecementos que suceden en lugares do mundo afastados da persoa que ten acceso a esa información. Comezouse a usar esta expresión conforme se foi xeneralizando o correo electrónico e as charlas por Internet ou chats, hoxe por hoxe dúas das maneiras máis rápidas e baratas de se comunicaren persoas con acceso a redes de telecomunicación desde calquera parte do mundo. Marshall McLuhan, quen definiu os medios de comunicación como a prolongación dos sentidos do home, é o pai intelectual da aldea global, concepto que enuncia no seu libro Galaxy Gütenberg. Pierre Lévy distingue hoxe tres fases na evolución cultural: unha primeira sería a das pequenas sociedades pechadas, de cultura oral, que vivían unha totalidade sen universalidade; a segunda sería a das sociedades civilizadas, imperiais, que utilizaban a escritura e fixeron xurdir unha universalidade totalizadora; a terceira sería a da cibercultura, que se corresponde coa mundialización concreta das sociedades e inventa unha universalidade sen totalidade, nunha comunidade mundial única; aínda que se trate dunha comunidade conflitiva e nada igualitaria. A cibercultura permite, nin máis nin menos, despregar “toda a memoria dos homes ao instante”. Paradoxalmente, neste contexto prodúcese a contracción do local co global no que Philippe Quéau denomina glocal, e que derruba os anteriores modelos de interpretación baseados no contraste centro-periferia. O glocal concentra e contrapón os territorios máis diversos nunha entidade única, na que se condensan múltiples repregamentos, na que se superpoñen os niveis e se acumulan as pantallas.
Refráns
- A aldea, Deus a dea.
- A vida da aldea, Deus a dea.
- A vida da aldea, Deus lIa dea a quen a queira.
- Anque te atopes mal, vive na cidade.
- Máis mal se pasa na aldea do que se pensa.
- Na aldea que non é boa, hai máis mal do que soa.
- O proveito da aldea, Deus o dea.