Ana, santa

Ana, santa

No Cristianismo é a hipotética nai da Virxe María, esposa de Xoaquín e avoa de Xesús. O seu culto é tardío, pois non se menciona o nome da nai de María en ningún dos evanxeos: só se fala dunha profetisa Ana (Lucas 2,36) e do sacerdote Anás. Empezan a citala os evanxeos apócrifos de Santiago e o Pseudo-Mateo, e deles nace un culto na Igrexa Oriental (s VI) e na Occidental (s VIII) que non se populariza ata o Renacemento. Santa Ana ten un culto especial na Bretaña francesa, pois é a patroa desta nación céltica. Tanto afecto se lle ten nestas terras que a lenda tradicional asegura que a santa era bretoa e que fora dar a luz a María a Palestina, retornando máis tarde, por aire, morriñenta da súa patria nativa. Na Bretaña ten dous santuarios principais (Santez-Anna-d’An Alré e Santez-Anna-de la Palud) a onde acoden todos os bretóns, pois hai aquí un dito semellante ao que se aplica en Galicia a santo Andrés de Teixido: “Mort ou vivant, a Sainte-Anne une fois doit aller tout Breton” (‘A santa Ana, vivo ou morto, polo menos unha vez debe ir todo bretón’). A romaxe principal celébrana o último domingo de agosto. Un relato popular galego da Anunciación di que, así como Xesús non tivo pai humano, a súa avoa santa Ana non tivo nai, porque disque naceu dunha perna de seu pai: este limpou nunha perna a navalla con que comera unha mazá; no sitio onde limpou naceulle un vulto que foi medrando e, aos nove meses, desprendeuse transformándose nunha nena, Ana. Este relato evoca inevitablemente o nacemento de Atenea da cabeza de Zeus tralo augurio de que un bisneto lle quitaría a Zeus o imperio do ceo; neste caso, Xesús é bisneto do pai de Ana. Santa Ana é avogosa da saúde mental, das agonías difíciles e longas e dos partos. A santa Ana de Oímbra protexe dos raios e, cando queren que chova ou que deixe de chover, lévana en procesión deica Oímbra dando unha volta polo castro das Laxes das Chas; parece ser que un ano fixeron a procesión por unha corredoira máis dereita e a santa manifestou o seu disgusto cunha dura tormenta. Este rito lembra o de san Xián de Luaña ou o da Virxe de Bermés. A festa de santa Ana celébrase o 26 de xullo. É, ademais, titular de tres parroquias e patroa dos concellos de Monterrei, Cedeira, Carballedo, Petín, Rosal, Lama, Cortegada e Oímbra. Na tradición popular recóllense expresións como: “Por santa Ana alimpa a argana”(nesta época o vento axuda a limpar na eira o gran xa mallado); “Santa Ana cas ras non quer nada” (a terra e o ambiente están quentes e vaille mal á ra); “O día de santa Ana vai ao figal, millor á mañá que ao serán”; “Santa Ana bendita, de Cristo avoíña, gárdame no teu colo que son pequeniña”.

Palabras veciñas

Ana I de Rusia | Ana Ivanovna | Ana Kiro | Ana, santa | ana- | ANABAD | Anabaena