anestesia

anestesia

(

  1. [MED]
    1. s f

      Perda total ou parcial da sensibilidade acompañada ou non de perda de consciencia como consecuencia dunha enfermidade, dun traumatismo ou da administración dun anestésico.

    2. anestesia analxésica

      Utilización de analxésicos potentes (mórficos) en cantidades elevadas.

    3. anestesia combinada

      Administración de dous ou máis fármacos con cadansúa finalidade diferente co obxectivo de evitar os efectos tóxicos dun fármaco administrado en doses elevadas como, por exemplo, a asociación de barbitúrico, protóxido de nitróxeno e analxésico.

    4. anestesia disociativa

      Tipo de anestesia no que se produce a depresión cortical da consciencia e a excitación doutras áreas do sistema nervioso central. O fármaco máis empregado é a cetamina.

    5. anestesia endovenosa rexional

      Administración dunha solución de anestesia local inxectada endovenosamente previa isquemia e exsanguinación, segundo a técnica de Bier (1908), do membro superior ou inferior.

    6. anestesia local

      Anestesia practicada sobre unha zona superficial do corpo, ben aplicando o anestésico directamente sobre a pel ou a mucosa (anestesia superficial) ou ben realizando unha infiltración nos tecidos mediante unha agulla hipodérmica (anestesia por infiltración).

    7. anestesia locorrexional/de conducción

      Supresión da dor nunha zona determinada do corpo mediante a aplicación dunha solución anestésica en concentración adecuada na inmediata proximidade dun tronco nervioso ou dun nervio periférico. As drogas empregadas son os anestésicos locais. Dependendo do lugar onde teña lugar esta interrupción fálase de anestesia raquídea, epidural, paravertebral, intercostal, plexal, troncular e terminal ou por infiltración.

    8. anestesia potenciada

      Asociación de analxésicos e neurolépticos que consegue reducir notablemente as doses de anestésicos xerais necesarios para acadar unha profundidade anestésica adecuada.

    9. anestesia xeral

      Supresión da sensibilidade consciente con perda temporal e reversible da actividade funcional do sistema nervioso central, que se consegue mediante a administración dun anestésico. No ano 1846, Williams Thomas Morton anestesiou por primeira vez eficazmente a un paciente con éter sulfúrico. Dende aquela o procedemento anestésico ampliou considerablemente o seu campo e a súa eficacia. A anestesia pódese administrar por vía inhalatoria ou endovenosa. Por vía inhalatoria os anestésicos empregados son gases de estrutura química simple ou vapores de líquidos volátiles. A vía endovenosa ten a vantaxe de que proporciona unha indución rápida e un restablecemento con poucos trastornos. Actualmente a anestesia xeral xa non se concibe como a perda da sensibilidade dolorosa, senón que o termo se pode desglosar en catro compoñentes que son: hipnose ou sono anestésico, analxesia ou abolición da dor, protección neurovexetativa e relaxación neuromuscular. A tendencia a utilizar un fármaco para cubrir cada unha destas accións é o concepto moderno da anestesia equilibrada. A utilización desta técnica na que case todos os fármacos se administran por vía endovenosa fixo diminuír o número de inducións do sono anestésico por vía inhalatoria. Na farmacoloxía clínica da anestesia xeral, chámase premedicación ás medidas que preceden á anestesia, empregadas para acadar un inicio tranquilo do sono anestésico. Os fármacos utilizados son unha combinación de tranquilizantes, analxésicos e vagolíticos. A indución anestésica realízase despois de facer efecto a premedicación; xeralmente utilízase un anestésico endovenoso de efecto instantáneo. Mediante a administración de curare de acción curta (leptocurare) ou de acción longa (paquicurare) conséguese a relaxación muscular do paciente. Entón procédese á intubación orotraqueal e á ventilación artificial. A partir de aquí elíxese a maneira de manter a profundidade anestésica axeitada que permita a realización da intervención cirúrxica. Normalmente utilízase un anestésico xeral (protóxido de nitróxeno) mesturado con osíxeno, aínda que tamén se administran doses fraccionarias dun analxésico potente e un relaxante muscular.

  2. anestesia moral [FILOS/RELIX]

    Perda de toda reacción afectiva polas nocións do ben e o mal; é un caso de perda de consciencia moral.

Palabras veciñas

anerxía | Anes, Gonzalo | anesgar | anestesia | anestesiar | anestésico -ca | anestesina