Angers

Angers

Capital do departamento de Maine-et-Loire, no País do Loira, Francia, situada á beira do Maine (141.404 h [1990]); é a cidade principal da aglomeración epónima (208.282 h). Antiga capital de Anjou, é un centro rexional e mercado agrícola que disputa a súa prioridade cos de Nantes, Tours e Mans. Ao mesmo tempo, desenvolveuse un importante centro industrial (fundición, licores, electrónica, aeronáutica). Conta con dúas universidades: a Universidade Católica do Oeste, fundada en 1876, e a Universidade Estatal, ademais do Centro Nacional de Danza Contemporánea. A Catedral gótica de Saint-Maurice (s XII-XIII), de nave única, cuberta con voltas bombeadas sobre oxivas cruzadas, ten vidreiras da segunda metade do s XII. O castelo (1228-1238), de forma pentagonal con dezasete torres de 40 a 60 m de altura, acolle un museo de tapices, entre os que sobresae a serie da Apocalipse (1375-1380). Quedan tamén vestixios renacentistas, como a casa Pincé (1523-1535). O Museo David d’Angers conserva unha completísima colección de obras deste escultor romántico, nacido na mesma cidade.