Angola

Angola
Nome científico: [nome oficial: República de Angola; port: República de Angola]

Estado de África surtropical que limita coa República Democrática do Congo ao N e NL, con Zambia ao L, con Namibia ao S e co Océano Atlántico ao O (1.246.700 Km2; 5.673.046 h [censo 1970], 10.624.000 h [estim 1997]). O enclave de Cabinda -separado do resto do territorio polo río Congo e a República Democrática do Congo-, limita polo N coa República do Congo. A capital é Luanda.
Xeografía física
Angola forma parte do altiplano subcontinental de rochas cristalinas cubertas en parte por sedimentos paleozoicos. Presenta unha planicie costeira baixa, máis ampla ao norte (100 Km) ca ao sur (35 Km), limitada ao leste polo altiplano. A vertente occidental do altiplano, que descende formando socalcos cara ao Atlántico, é abrupta e está sucada por numerosos ríos pequenos que aproveitan as liñas de falla; Moro Moco é a cima máis alta (2.620 m) dese sector. A vertente oriental presenta un suave descenso e está drenado polos afluentes do Congo e o Zambeze. Os ríos máis importantes de Angola son o Kunene e o Cuanza, que desembocan no Atlántico, e os das concas do Congo (Cuango, Cuilo e Kasai) e do Zambeze (Luena, Lungué, Bungo, Cuando, Cuito e Cubango). O clima da área costeira meridional é frío en relación coa súa latitude, a causa da influencia da corrente fría de Benguela. As precipitacións son febles na chaira (323 mm/ano en Luanda, no N, 42 mm/ano en Namibe, ao S), sen embargo, son abundantes nas terras altas (máis de 1.000 mm/ano). A estación das choivas vai de setembro a abril. A vexetación é do tipo do subdeserto con predominio dos matos. No altiplano, o tipo de vexetación característica é a sabana e nas costas setentrionais subsisten os bosques. Entre a fauna cómpre salientar a presenza de panteras, hienas, crocodilos, elefantes e hipopótamos. Entre as áreas protexidas -que ocupan o 2,12% do territorio nacional-, as de maior importancia son o Parque Nacional de Cameia, o P N de Mupa e o P N de Bicuari.
Xeografía económica
A economía angolana, que se atopaba entre as máis saneadas do continente africano cunha gran potencialidade debido aos seus múltiples recursos, iniciou un proceso de retroceso continuo por consecuencia da guerra civil que arrasou o país (1975-1994). Este feito motivou que a diversidade inicial das súas actividades económicas derivase nunha dependencia case exclusiva do petróleo, que contribúe á formación do PNB con case o 50% e constitúe o 90% das exportacións do país. Cómpre advertir, sen embargo, que en 1972, cando Angola comezou a administrar de xeito autónomo os ingresos procedentes dos seus inmensos recursos, a porcentaxe máis elevada na formación do PIB procedía da exportación de diamantes; de feito, en 1995, Angola ocupaba o décimo posto mundial polo volume das súas exportacións nese concepto. O sector primario ocupa case os dous tercios da poboación activa angolana, mentres que o sector industrial é moi reducido (11%) e, en xeral, está en retroceso. Só o 3% do solo produtivo do país está dedicado á agricultura, sendo os cultivos principais o cerealístico (millo, arroz, trigo, etc) e de plantación (cana de azucre, plátanos, algodón, café, tabaco, etc), estendidas sobre todo nas provincias de Cuanza e Uíge. O café pasou de ser o principal produto orientado cara á exportación (Angola foi o terceiro produtor mundial deste produto), a ter un pequeno peso na exportación, detrás da cana de azucre, os cacahuetes ou o algodón. A produción, destinada ao abastecemento do propio estado, céntrase principalmente na mandioca, o millo, as patacas doces e os plátanos. A gandería obtén cantidades crecentes de carne bovina, caprina, ovina e porcina, así como leite de vaca e ovos. A partir da adopción da Zona Económica Exclusiva (1973), Angola pasou a controlar os recursos pesqueiros do seu litoral -área do Atlántico Sudoriental- como gañador potencial principal, xunto con Namibia e Sudáfrica. Este feito permitiu que a pesca, centrada nos portos de Tombua, Benguela e Porto Amboim, iniciase unha fase de incremento produtivo moderado favorecido, tamén, polo abandono da pesca tradicional en beneficio da pesca industrializada e por un retroceso do consumo interno a favor das exportacións. Así mesmo, a transición económica de Angola, que permite a formación de empresas mixtas, facilita que os seus caladoiros sexan explotados conxuntamente con países occidentais, entre os que cómpre salientar Portugal. O bosque aprovéitase, fundamentalmente, para obter madeira. En conxunto, o peso do sector primario no PIB é escaso (12%). No sector secundario, destaca a minería, centrada na explotación de xacementos petrolíferos (Cabinda, Benfica, Luanda, Cacuaco, Tobias e Galinda), na extracción de diamantes (Dundo e provincias de Cuando-Cubango e Malanje) e, en menor medida, de ferro (Cassinda, Saia). Existen outras reservas minerais (manganeso, cobre, fosfato, etc), sen embargo, a guerra non facilita a súa explotación. A industria é modesta. A principal actividade é o refinado de petróleo (Luanda e Lobito), a siderurxia do aceiro (Luanda) e as industrias do cemento (Luanda, Benguela e Lobito). Cómpre salientar, sen embargo, outras industrias de importancia: azucreiras, cervexeiras, tabaqueiras, oleícolas e algodoeiras. A contribución do sector secundario ao PNB cifrábase en 1994 no 56%, mentres que a do sector terciario no 32%. Angola adheriuse á disciplina do Fondo Monetario Internacional (FMI) en setembro de 1989. Aínda que pasan por Angola os dous ríos máis caudalosos de África, o Congo e o Zambeze, non son aproveitables para a navegación. O tráfico pesado céntrase nos ferrocarrís de penetración, que comunican Zambia e a República Democrática do Congo cos portos de Lobito e Benguela, que constitúen a saída natural das áreas mineiras deses países. As estradas son pouco transitables e deficientes, conectando secundariamente os principais portos do país; a estrada principal é a que une Belinga coa fronteira de Zambia. Os principais portos de mercadorías son Lobito, Namibe, Cabinda, Soyo e Luanda. Os aeroportos principais están en Luanda, Huambo, Lubango e Cabinda. A recuperación e modernización das infraestruturas angolanas (ferrovía, estradas e aeroportos), destruídas ou inutilizadas pola guerra, é fundamental para o desenvolvemento do país. O groso da exportación está constituída polo petróleo e os seus derivados (90%), que se dirixen maioritariamente aos EE UU. As importacións principais son para o equipamento de transportes, produtos alimentarios e téxtiles, ferro e aceiro. Impórtase principalmente de Portugal e dos EE UU. A moeda oficial é a kwanza.
Xeografía humana e sociedade
Malia a guerra civil, que causou numerosas mortes (calcúlanse máis de medio millón) e refuxiados (aproximadamente un millón en 1996), e ao elevado índice de mortalidade infantil (138,9‰ en 1996), o crecemento da poboación é moi elevado (27‰) debido á alta taxa de natalidade (45,1‰). A maioría da poboación de Angola é rural, só o 32,2% da poboación vivía nas cidades en 1995, das que a máis poboada era Luanda (2.022.000 h). A poboación está composta maioritariamente por bantús (dos que un 38% son mbundu, un 27% kimbundu, un 13% lunda e un 11% kikongo), existindo minorías de bosquimanos e europeos, sobre todo portugueses. A lingua oficial é o portugués, sen embargo, conviven con el linguas bantús (mbundu, kimbundu, kikongo, quioco e ganguela) e o khoisan, ambas as dúas consideradas linguas nacionais. Aínda que oficialmente o 60% da poboación angolana se define como católica, as prácticas animistas están moi estendidas. O Indicador de Desenvolvemento Humano en 1998 situaba a Angola entre os países cun desenvolvemento humano baixo (ocupa o posto 157 cun índice 0,335). Este Indicador desagregado ofrece o seguinte balance: a esperanza de vida ao nacemento é de 47,4 anos; o índice de alfabetización de adultos é do 42,0%; o índice bruto de escolaridade é do 30%; e o PIB real por habitante (PPA) é de 1.839$. Segundo balances oficiosos, o 70% da poboación angolana vive en condicións de extrema pobreza. Angola dende marzo de 1991, cando abandonou oficialmente o marxismo-leninismo como elemento constituínte do estado, é unha república democrática con eleccións pluralistas. Réxese pola Constitución do 10 de novembro de 1975, que foi emendada posteriormente para axeitarse a esa nova situación. No novo sistema político (parlamentario presidencialista) o poder lexislativo reside na Asemblea Nacional e o Presidente da República é tamén o xefe do Consello de Ministros e das Forzas Armadas. O sistema de xustiza civil e penal baséase no portugués. A pena de morte aboliuse en 1992. Ratificou ou adheriuse aos seguintes tratados: Pacto Internacional de Dereitos Civís e Políticos (PIDCP), Protocolo Facultativo do PIDCP, Pacto Internacional de Dereitos Económicos, Sociais e Culturais, Convención sobre o Estatuto dos Refuxiados (1951), Protocolo sobre o Estatuto dos Refuxiados (1967) e Convención sobre a Eliminación de Todas as Formas de Discriminación contra a Muller. É membro da ONU, da OUA e ten estatuto de país asociado á UE.
Historia
A actual composición da poboación (bantú e bosquimana) indica que, ao longo do primeiro milenio da nosa era, houbo unha penetración da poboación bantú, que iniciou a súa expansión a partir das mesetas do Camerún no cambio de era, substituíndo a poboación bosquimá preexistente. Así mesmo, a tradición oral bosquimá refire a existencia dun grupo humano anterior. É difícil, sen embargo, establecer en qué momento se diversificaron as etnias bantús que se recoñecen na actualidade (mbundu, kimbundu, lunda e kikongo); a situación é semellante con respecto ás linguas (mbundu, kimbundu, kikongo, quioco e ganguela). A expansión dos bantús por Angola en detrimento dos bosquimáns (pobo cazador-colector) debeuse á posesión do ferro e ao dominio da agricultura. Logo da expansión dos bantús, os bosquimáns víronse obrigados a desprazarse cara ás rexións lacustres e desérticas; os kikongo fundaron no leste o reino do Congo e os lunda, o reino de Ngola no sueste. A costa de Angola foi descuberta en 1483 por Diogo Cão, iniciándose a súa exploración en 1488. Portugal limítase, nun principio, a establecer centros de comercio e a enviar misioneiros, sendo recoñecidos os estados indíxenas como o Congo ou Ngola. Esta política, sen embargo, mudou a finais do s XVI, cando ocupou militarmente o país, atopándose coa resistencia dos indíxenas: as primeiras expedicións de conquista iniciáronse en 1580 baixo o goberno de Paulo Dias de Novais. O interese principal dos portugueses en Angola foi a exportación de escravos ao Brasil, de feito entre os ss XVII e XIX Angola foi, xunto con Guinea, o maior centro de trata de escravos. Ocupada polos holandeses en 1641, foron expulsados do país (1648) con tropas do Brasil, o que provocou que ata a súa independencia (1822) Angola fose practicamente unha colonia brasileira. A escravitude suprimiuse de Angola no ano 1869; sen embargo, a situación da poboación indíxena non variou, na práctica, debido á introdución do sistema de traballo forzado, mantido de xeito oficial ata 1910. Portugal iniciou o control do territorio angolano na segunda metade do s XX, de feito no ano 1851 tan só había en Angola 1.417 europeos que se dedicaban a tarefas burocráticas e comerciais. Así, non foi ata finais do s XIX cando controlou plenamente a totalidade do país. As fronteiras de Angola fixáronse na Conferencia de Berlín (1885). Os desexos portugueses de unir Angola con Mozambique frustráronse precisamente nesa Conferencia debido ao pacto secreto anglo-xermano polo que se repartían o control da África austral. A verdadeira colonización de Angola comezou durante a Primeira Guerra Mundial, reforzada despois da Segunda Guerra Mundial, coa emigración duns 200.000 portugueses. En 1951 déuselle a Angola, coma ás outras colonias portuguesas, o estatuto de provincia de ultramar. En 1961 tivo lugar unha rebelión armada das forzas panafricanas e nacionalistas contra Portugal. Malia que a revolta foi controlada en 1964, Portugal veuse na obriga de establecer un novo programa político e social e tivo que outorgar a Angola unha certa autonomía, regulada pola Lei Orgánica do Ultramar. A loita contra o colonialismo portugués traduciuse na creación de dous movementos guerrilleiros importantes: a União dos Povos de Angola (UPA, 1954) e o Movimento Popular de Libertação de Angola (MPLA, 1956); a primeira pro occidental e a segunda pro comunista. Máis tarde, en 1962, a UPA converteuse na Fronte Nacional de Libertação de Angola (FNLA), da que no 1966 se separa a União Nacional para a Independência Total de Angola (UNITA). No ano 1972, a ONU pronunciouse en repetidas ocasións a prol da independencia de Angola. A fin do réxime ditatorial portugués (25.4.1974), favoreceu as negociacións que os tres movementos guerrilleiros emprenderon coa metrópole co obxectivo de conseguir a independencia, que foi recoñecida baixo a forma dun acordo global asinado en xaneiro de 1975. Non obstante , o MPLA e a FNLA-UNITA enfrontáronse axiña. Pouco despois de conseguir a independencia, proclamáronse dúas repúblicas diferentes en Angola: unha, en Luanda baixo o control do MPLA e outra, en Huambo baixo o da FNLA-UNITA. Iso provocou unha guerra civil na que tivo un peso fundamental a intervención estranxeira: o MPLA recibiu axuda, sobre todo, da URSS e de Cuba; e a FNLA-UNITA de EE UU, o Zaire, Sudáfrica, Rodesia e China. Ao comezo de 1976, o MPLA impúxose na maior parte do país e Agostinho Neto convertinse no Presidente de Angola. As forzas sudafricanas retiráronse de Angola en marzo de 1976, mentres que as cubanas permaneceron durante máis tempo. Angola foi admitida na ONU en 1977. En 1978, o MPLA -convertido en partido único- celebra o primeiro congreso e adopta claramente o marxismo-leninismo. En 1979 morreu Agostinho Neto, quen foi sucedido por Josê Eduardo dos Santos. Malia a legalidade do novo réxime angolano e a instauración dun Parlamento en 1980, a guerra non cesou: os conflitos coa UNITA, apoiada fundamentalmente polos EE UU e Sudáfrica, continuaron; iniciáronse novos conflitos con Sudáfrica debido a que as tropas dese país penetraban en numerosas ocasións en territorio angolano dende Namibia, baixo control sudafricano, perseguindo os guerrilleiros namibios da SWAPO -que tiñan as súas bases operativas en Angola-; e os conflitos territoriais en Cabinda, onde a Fronte de Libertação do Enclave de Cabinda iniciara movementos separatistas en 1966. O 22 de xuño de 1989, o Presidente J. E. dos Santos e o xefe da UNITA, Jonas Savimbi, asinaron un acordo de cesamento das hostilidades en presenza de dezaoito xefes de estado e goberno africanos. Este acordo contemplaba o proceso de integración dos cadros da UNITA na estrutura política e militar angolana, a formación dun goberno de transición e, máis tarde, eleccións libres. Un total de 77.000 mortos, 400.000 refuxiados no estranxeiro e 600.000 desprazados parecía que ía ser o balance definitivo de catorce anos de guerra civil; sen embargo, todo se quedou en boas intencións: entre agosto de 1989 e marzo de 1990 a guerra civil foi máis mortífera ca nunca. Para pór fin a esta nova situación de recruamento da guerra civil, os acordos de Lisboa, asinados en marzo de 1991, impuxeron a tregua e o inicio dunhas reformas políticas que establecían o multipartidismo e a democracia. Cómpre advertir que esta nova situación estaba moi condicionada polo contexto internacional: Namibia acada a independencia en marzo de 1990, o que deixaba as tropas da UNITA sen o seu refuxio tradicional e as tropas sudafricanas -que ocupaban Namibia- tiveron que abandonar o país; a URSS deixou de apoiar o réxime marxista de Angola en 1990; o goberno de Bush comezou recurtar a achega de 50 millóns de $ anuais á guerrilla da UNITA, etc. En setembro de 1992, celebráronse eleccións libres baixo a supervisión das Nacións Unidas, cualificadas de limpas por todos os observadores imparciais. Trala vitoria de dos Santos na primeira volta (49,57%), Savimbi acusou de fraude o goberno, negouse a participar na segunda volta e ocupou militarmente o 60% do país. A finais de 1993, a presión internacional, que por primeira vez recoñecía unanimemente a lexitimidade do goberno de Luanda, e o retroceso das posicións militares acadadas no primeiro momento (chegaron a perder a cidade de Huambo, sede da guerrilla de UNITA), obrigaron aos rebeldes a claudicar: recoñeceron os resultados das eleccións de 1992 e iniciaron en Lusaka (Zambia) unha serie de conversas que concluíron en 1994 cun acordo que pretendía pór fin á guerra civil. A mediados de 1995, as forzas da ONU comezaron ocupar os emprazamentos máis importantes de Angola e impuxeron unha tregua efectiva en todo o territorio; iniciouse así un lento proceso de pacificación -non exento de conflitos, como os denominados de erradicación das bandas errantes- que culminou coa formación dun Goberno de Unidade e Reconciliación Nacional (11.4.1997) integrado por membros do MPLA -que manteñen a presidencia da República e do goberno e os ministerios de Defensa, Interior e Asuntos Exteriores- e da UNITA; a declaración de Savimbi como “xefe do principal partido da oposición”; a legalización política da UNITA e a chegada dunha parte da directiva a Luanda; e a desmilitarización da UNITA (marzo de 1998).