Aníbal
Nome procedente do latín Hánnibal (xenit Hanníbalis) e este do púnico Hann-i-Ba’al ‘gracia ou favor de Baal’, composto de hann ‘gracia, favor’ e Ba’al ‘deus supremo dos fenicios e cartaxineses’. O primeiro elemento está relacionado co semítico hânan ‘axudar, ter misericordia’ (que deu orixe ao antropónimo Ana) e o segundo significa ‘señor’. É o epíteto de moitos dos deuses semíticos e tamén a personificación dunha divindade con culto en Cartago. En Galicia houbo un tempo no que os santos levaban o “don” antes do seu nome; así, por exemplo, dicíase don Pedro no canto de san Pedro. Unha pegada desta antiga tradición pode verse cando se fala do señor Santiago. A sona histórica deste nome débese sobre todo a Aníbal, líder cartaxinés que encarna as calidades físicas, intelectuais e morais habituais dos grandes xefes militares. De feito, púxose de moda no Renacemento debido ao gusto por recuperar cousas e nomes de antano. Tradicionalmente, a festividade de Aníbal celébrase o 15 de abril con motivo do santo Aníbal de Auxerre-Francia. Outra variante máis cultista deste nome é Haníbal.