Annan, Kofi
Diplomático ganés. Graduose en Economía no seu país e completou a súa formación en EE UU e Xenebra. Ocupou diversos cargos de responsabilidade na administración do seu país e, posteriormente, na Organización Mundial da Saúde (OMS) e no Alto Comisionado das Nacións Unidas para os Refuxiados. Funcionario da ONU dende 1962, converteuse nun dos conselleiros e asistentes do secretario xeral (tanto de Javier Pérez de Cuéllar como de Butros-Gali). En 1995, actuou como representante persoal de Butros-Gali na antiga Iugoslavia, debido á súa categoría de subsecretario xeral en operacións de mantemento da paz, cargo que desempeñou cando, o 17 de decembro de 1996, foi elixido secretario xeral da ONU; iniciou o seu mandato o 1 de xaneiro de 1997 e en decembro de 2006, logo de nove anos no cargo, foi substituído polo surcoreano Ban Ki-Moon. En febreiro de 1998, logrou un acordo con Saddam Husayn polo que se comprometía a cumprir as decisións da ONU, evitando así o estalido do conflito.
Cronoloxía
-
Nacemento
Lugar : Kumasi, Gana