anófele

anófele

(< lat científico Anopheles)

s m [ANIMAL/ENTOM]

Nome que reciben os insectos do xénero Anopheles, pertencentes á familia dos culícidos, denominados vulgarmente mosquitos. Os adultos, de 6 mm de lonxitude, caracterízanse por repousar de xeito oblicuo respecto ao substrato. Namentres os machos se alimentan de produtos vexetais, as femias precisan succionar sangue aos vertebrados para culminar a maduración ovárica. Os ovos son depositados en grupos aboiantes sobre a tona de masas de auga temporais. As larvas acuáticas, filtradoras de plancto, distínguense por dispoñerse paralelas á superficie, onde respiran directamente do aire por medio dun espiráculo. O anófele é o único vector natural coñecido do paludismo ao transmitir coa súa saliva, de propiedades anticoagulantes, o protozoo responsable da enfermidade, no momento da picadura indolora. Existen diversas especies de anófeles espalladas por todo o mundo, pero son máis abundantes en climas húmidos e cálidos. A especie A. maculipensis é moi común na Península Ibérica.

Palabras veciñas

Anodonta | anodontia | Anoeta | anófele | Anoia, Berenguer de | Anoia, l’ | 1 anoitecer