Ansemil, San Pedro de

Ansemil, San Pedro de

Igrexa situada no concello de Silleda que formaba parte dun antigo mosteiro fundado polo bispo Sisnando e outros particulares no ano 919. Outras hipóteses propoñen unha fundación máis tardía (ss IX-X) como mosteiro dúplice. A mediados do s XII consta que en San Pedro de Ansemil houbo unha comunidade bieita, que o continuou habitando ata a súa anexión ao de San Paio de Antealtares. O edificio primitivo presenta importantes reformas que non alteraron plenamente o seu aspecto prerrománico: cabeceira dunha única capela rectangular de grandes proporcións e pechamento recto nos extremos das naves laterais. A reforma románica consistiu na adición de columnas, capiteis, arcos, modificación dalgunhas ringleiras dos muros e reutilización como perpiaños de determinadas pezas, en especial no muro norte e no testeiro; esta reforma pode datarse cara ao 1171, segundo se deduce das semellanzas que presenta con outros templos da zona como o de San Martiño de Dornelas. As capelas laterais presentan unha asimetría que a vinculan coa Corticela. A aula divídese en tres naves coas seguintes características: a nave central é case o dobre de larga ca as laterais separadas mediante piares de sección rectangular, case cadrada; os arcos formeiros son de medio punto; o teitume é de madeira a dúas augas, aínda que seguramente nun principio era independente para cada nave; todas as fiestras foron modificadas, pero algunhas manteñen a súa feitura xeminada. A porta norte é a máis primitiva, mentres que a fachada principal está mellor traballada e posúe ornamentación. Na primeira metade do s XIV levantouse, pegada ao muro sur, a capela funeraria dos Deza (no seu interior consérvanse os restos de Diego Gómez), comunicada coa antiga igrexa a través dun arco apuntado aberto no antedito muro. A súa planta, rectangular e cuberta con bóveda de crucería, non difire doutras actuacións que se realizaron baixo criterios góticos noutras igrexas galegas, como Santiago de Betanzos, San Salvador de Cins ou Santa Mariña de Dozo. As intervencións posteriores foron escasas. Salienta, entre outras, o engadido da torre da fachada a comezos do s XX e a restauración nos oitenta. Declarada ben de interese cultural.