Anshan

Anshan

Cidade da provincia de Liao-ning, na China (1.203.986 h [1990]). Situada na fértil chaira de Manchuria, de clima continental, converteuse nun dos maiores centros produtores de ferro e aceiro do mundo grazas á proximidade dos xacementos de carbón de Fushun. As primeiras fundicións estableceunas no 1918 a Compañía Ferroviaria da Manchuria do Sur e no 1932, coa ocupación xaponesa e o establecemento do estado do Manchukuo, incrementouse a produción baixo o control da compañía de aceiros Showa, converténdose nunha das principais fundicións durante a Segunda Guerra Mundial. En 1948 foi ocupada polas forzas da República Popular Chinesa.