Antálcides
Xeneral e embaixador espartano. Foi enviado por Esparta no ano 393 a C para asinar a paz con Persia, á que se opuñan Atenas, Argos, Tebas e Corinto. Unha vez sometida Atenas por unha escuadra dirixida polo xeneral Antálcides coa axuda do sátrapa persa Tiribase, feito que a obrigaba a asinar a paz, só foron quen de oporse ao pacto Argos, Tebas e Corinto, polo que este deixou de contar cunha oposición forte. A Paz de Antálcides ou do Rei (387 a C), negociada por Antálcides en nome dos gregos e por Artaxerxes, significou a recuperación de Xonia (agás Lemnos, Imbros e Skyos que permaneceron no poder de Atenas). Así mesmo, debido a que quedaban disoltas as ligas entre cidades gregas, Esparta convertense en árbitro dos asuntos graves helénicos debido á súa posición militar predominante, aínda que significou a fin das aspiracións espartanas e atenieuses dun dominio panhelénico e da emancipación de Persia. Tamén supuxo a perda de todas as conquistas efectuadas por mor das Guerras Médicas.