Antártida, A

Antártida, A

Continente situado ao redor do Polo Sur e que xuntamente coas illas próximas está no interior dos 60° de latitude S. Ten 14.100.000 km2 de superficie, comprendidas as illas (140.000 km2) e a plataforma continental con xeo flotante (1.160.000 km2).
Xeografía física
Desde o punto de vista tectónico, distínguense dúas grandes unidades, separadas por unha liña ideal que vai do mar de Weddell ao mar de Ross. A unidade occidental, moito máis pequena oriental, pódese interpretar como unha prolongación da cordilleira andina: é un conxunto de serras alpinas e de fosas (as dúas principais son as que forman os mares de Weddell e de Ross) que constitúen un zócolo rochoso discontinuo por debaixo da espesa capa de xeo. Nesta área encóntrase o cume máis alto da Antártida, o monte Vinson, de 5.140 m de altitude. A maior aliñación de carácter anticlinal forma a grilanda de illas unidas á Península Antártica: as Shetlands do Sur e as illas Biscoe, ata as montañas da illa de Alexandre I. A metade oriental presenta, por debaixo dos inlandsis, un zócolo rochoso continuo formado por un vello escudo de rochas cristalinas (gneises e granitos) recubertas por sedimentos primarios e secundarios (unha serie mariña paleozoica e por riba unha serie permo-triásica). Todo o conxunto presenta unha serie de fracturas e dislocacións asociadas a fenómenos de vulcanismo recente que deron orixe a relevos moi elevados, como o volcán do monte Erebus (3.794 m), en activo, situado na illa de Ross. Chegando ao mar de Weddell está a Terra de Coats, área na que o glaciarismo é moi notable; os glaciares amoréanse e chegan en grandes bloques ata a costa onde forman acantilados de importancia. Costeando a Antártida e seguindo a mesma dirección, atópase a Terra da Raíña Maud. A seguir chegamos ao sector australiano e á Terra de Enderby, á Terra de Guillerme II e á Terra de Wilkes. Aquí a intensa glaciación fai moi difícil a penetración e os acantilados impiden atracar no seu litoral. A Terra Victoria, situada despois de Terra Adelia, está formada por unha extensa penechaira de grande altura, accidentada con montañas que sobrepasan os 4.000 m. Esta penechaira está rodeada por cumes montañosos e picos volcánicos. Os vales que forman estas elevacións son o camiño natural para chegar ao Polo Sur. Entre Terra Victoria e o inicio da metade oriental está a barreira de Ross, impresionante masa horizontal de xeo, duns 1.000 km de amplitude e con acantilados que sobrepasan os 75 m de altitude e que aumenta a superficie do continente en máis de medio millón de km2. Todo o continente está cuberto de xeo e só algúns cumios e macizos elevados sobresaen, principalmente na costa. Calcúlase que o volume de xeo é de entre 23 e 33 millóns de km3 (máis do 90% do xeo que existe no mundo) e o seu espesor medio está entre os 2.200 e os 2.600 m: o máximo espesor é de 4.335 m. O xeo adquire formas específicas: grandes barreiras mariñas, con superficies aplanadas, e os grandes glaciares, con superficies aplanadas que verten ao mar e son a orixe de enormes icebergs tabulares (o maior, medido en novembro de 1956, tiña unhas dimensións de 97 km por 335 km). A Antártida ten un clima de tipo polar, extremadamente rigoroso. As temperaturas, sempre baixo cero, son as máis baixas do mundo: na costa a media anual oscila entre os -25°C e -14°C; no interior a media anual é de -56°C. Os ventos poden chegar a alcanzar os 320 km/h. As características do clima antártico mudaron ao longo da historia da Terra. Hai 100 millóns de anos a Antártida permanecía unida nas latitudes tropicais á actual Australia; entre 75-50 millóns de anos BP, no tránsito do Cretácico ao Eoceno, a Antártida separouse de Australia e derivou cara ás latitudes polares; posteriormente, hai 40 millóns de anos o planeta comezou a enfriarse e hai 35 millóns de anos os casquetes glaciares apareceron na metade occidental do continente antártico, para cubrilos totalmente hai 10 millóns de anos. A máxima extensión do xeo acadouse hai 20.000 anos; dende entón o clima suavizouse e os glaciares comezaron a retroceder: o xeo da Antártida occiental estase a fundir dende hai 11.000 anos, nun proceso natural de cambio climático que a civilización industrial acelerou, por mor do incremento das emisións de gases de efecto invernadoiro e as alteracións que provocan na composición da atmosfera (na primeira metade da década de 1980 detectouse sobre a Antártida un burato na capa de ozono) e, xa que logo, no sistema climático do planeta.
Bioxeografía

Tanto a flora como a fauna da Antártida son extremadamente pobres, incluso en comparación coas terras árticas. Soamente se atopan tres especies de plantas superiores, acantoadas no litoral occidental da Península Antártica, que é a rexión que ofrece condicións máis benignas para a vida. Non hai ningún vertebrado terrestre; todas as aves e mamíferos que viven repartidos polo litoral do continente son de vida esencialmente mariña. De feito, a masa de vexetais máis importante que existe está representada polos liques e os brións que aparecen nos nunatak; no interior deles mantéñense algúns pequenos invertebrados, como insectos e ácaros.
Historia
Suposta a súa existencia dende a Antigüidade, a primeira expedición oficial para investigación da chamada Terra Austral foi levada a cabo polo francés Bouvet de Lozier, que no 1739 descubriu a illa que leva o seu nome a 54° 26’ de latitude S. Entre 1772 e 1775, descubríronse as illas Sandwich do Sur, durante a expedición do inglés J. Cook, que circunnavega a Antártida, atravesa o círculo polar e acada unha latitude de 71° 10’, a máxima xamais acadada ata daquela, mais sen poder chegar á masa continental. Seguiron numerosas expedicións: Bellingshausen (1819-1821), ao servizo de Rusia descubriu as illas de Pedro I e de Alexandre I e fixo a segunda circunvalación á Antártida; o inglés J. Weddell (1823) penetrou polo mar que recibe o seu nome; a expedición francesa de Dumont d’Urville (1838-1840) fíxoo pola Terra de Luís Filipe e pola Terra de Adelia; a expedición norteamericana de C. Wilkes á posteriormente chamada Terra de Wilkes (1839-1842); o inglés J.C. Ross adentrouse polo mar que recibe o seu nome e descubriu Terra Victoria e os grandes volcáns Erebus e Terror. Logo dunha interrupción de medio século nas exploracións retomouse o interese pola Antártida. En 1895 os noruegueses Kristensen e Borchgrevink efectuaron o primeiro desembarco no continente; o belga Adrien de Gerlache, a bordo do seu buque, foi o primeiro en superar un inverno antártico (1897-1898); o noruegués Borchgrevink, quen dirixiu a primeira expedición, invernou no continente (1899-1900). A fase posterior de exploración da Antártida estivo marcada pola conquista do Polo, acadado polo noruegués Roald Amudsen o 14 de decembro de 1911, 34 días antes da chegada da expedición do británico R. F. Scott. O período de Entreguerras mundiais estivo marcado polas exploracións aéreas, acadando os aviadores norteamericanos os fitos máis importantes: Byrd sobrevoou por vez primeira o Polo S (29 de novembro de 1929) e Ellsworth atravesou en diversas etapas o continente (novembro-decembro de 1935). Despois da Segunda Guerra Mundial principia a etapa de investigación científica sistemática. Entre 1949 e 1952, levouse a cabo a primeira expedición multinacional (noruegueses, ingleses e suecos) que acada as máis sobranceiras descubertas das realizadas ata aquel momento polo interior do continente. A partir desta experiencia créase a sección antártica nas reunións do Ano Xeofísico Internacional de 1957-1958, xermolo do Comité Especial para a Investigación sobre a Antártida (SCAR, Special Commitee for Antartic Research) coa intención de fomentar a colaboración científica internacional, coordinar os estudios e descubertas e crear os instrumentos axeitados a estes propósitos. En decembro de 1957, unha expedición soviética acadou o polo sur xeomagnético, a 78° 28’ S e 106° 48’ L. En decembro de 1958, de novo os soviéticos acadaron o polo de relativa inaccesibilidade (o punto máis afastado de todas as costas) a 82° 06 ‘ S e 52° 58’ L. O incremento de exploracións da Antártida sempre estivo ligado a intereses coloniais. Ademais dos motivos económicos (grandes recursos naturais, especialmente petróleo e gas natural non aproveitables hoxe en día), os intereses científicos e políticos marcharon sempre xuntos. Entre 1908 e 1942 sete estados reclamaron a soberanía sobre diversos sectores do continente: o Reino Unido (1908), Nova Celandia (1923), Australia (1933), Francia (1938), Noruega (1939), Chile (1940) e Arxentina (1940). O resto de estados do mundo non efectuaron reclamación ningunha ou reserváronse os seus dereitos, continuando a crear novas estacións para non renunciar a posibles dereitos. Non houbo reivindicación formal ningunha do sector antártico comprendido entre os 90° O e os 150° O. A SCAR logrou realizar unha conferencia diplomática internacional (Washington, 1959) onde se asinou o Tratado da Antártida (en vigor dende o 23 de xuño de 1961), polo que se acordaba demorar toda reclamación de soberanía sobre territorios antárticos durante 30 anos, reservados para investigacións de interese científico. Tamén se acordou a desmilitarización das bases e a prohibición de experimentos nucleares. Os asinantes do tratado foron Arxentina, Australia, Bélxica, EE UU, Francia, Reino Unido, Xapón, Noruega, Nova Celandia, Sudáfrica, a Unión Soviética e Chile. No 1989, a ONU adoptou unha resolución para promover a Antártida como reserva natural da humanidade. No 1991, engadiuse un protocolo ao Tratado da Antártida polo que se prohibe a extracción mineral no continente durante 50 anos.