Antealtares, San Paio de
Mosteiro da cidade de Santiago, situado nas proximidades da catedral compostelá. Foi fundado nunha data próxima ao descubrimento do sepulcro do Apóstolo, no ano 814 aproximadamente. Neste tempo, Afonso II mandou construír unha igrexa na honra de Santiago, outra na de san Xoán Bautista, e unha terceira con tres altares dedicados a san Salvador, san Pedro e san Xoán Apóstolo. Detrás deles, na parte leste da igrexa, situouse un espazo reservado para doce monxes que tiñan a obriga de ocuparse do culto a Santiago. A denominación do mosteiro fai referencia á súa orixinaria localización respecto a estes antigos altares. A advocación a san Paio despraza a orixinal dedicada a san Pedro, trala construción por parte do bispo Diego Páez dun altar dedicado ao neno mártir Paio en 1077. Os seus dominios patrimoniais, aínda que en permanente litixio coa súa poderosa veciña, a catedral compostelá, espallábanse por numerosos puntos da xeografía galega. Unha primeira serie de posesións localizábase nos arredores de Compostela, en Boqueixón, Vedra e O Pino. Un segundo grupo situábase a media distancia do núcleo compostelán, é dicir, en Arzúa, Lalín, A Estrada, A Baña, Ordes, Boimorto, Frades, Agolada, Silleda e Vila de Cruces. Posuía, ademais, toda unha serie de propiedades marítimas, na costa de Bergantiños (Laxe, Malpica, Zas e Ponteceso), na comarca do Barbanza (Sálvora, Ribeira e Pobra do Caramiñal), na costa coruñesa (Arteixo, Cambre, Cariño) no sur de Pontevedra (Redondela), que seguramente serviron para o fornecemento de peixe e sal. Contou tamén con posesións en Ourense, por Ribadavia, Cenlle, A Peroxa e A Porqueira, probablemente para a provisión de viño. Outras propiedades espallábanse por outros puntos de Galicia e o norte de Portugal. O arquivo garda importante documentación relacionada con estas posesións adquiridas por distintos procedementos como a doazón, a compra e a permuta. Esta documentación escrita en latín e romance abrangue dende o s IX ao XV e está conformada por pergamiños soltos, tombos, papeis soltos e libros en papel. Outra parte da documentación procedente do mosteiro de Antealtares atópase no Arquivo Histórico Nacional de Madrid: 118 pergamiños datados dende o s X ata o XV. A moderna fundación conventual foi produto da reforma dos Reis Católicos, que no 1499 propón a unión de todas as comunidades femininas beneditinas de Galicia nun só edificio co fin de facilitar o cumprimento da súa regra. Durante o s XVI, aproveitando as numerosas doazóns de propiedades e a concesión de privilexios, comezou a mercar as propiedades lindantes e a ampliar o seu recinto. Mateo López comezou as obras da reforma e ampliación do edificio medieval no 1600. No século seguinte traballaron mestres de obras como Xácome Fernández, Fernández Lechuga ou Pedro de Beade. Na segunda metade do XVII o arquitecto Melchor de Velasco y Agüero rematou o claustro cara á praza da Quintana e comezou as obras da sancristía, a portería e o acceso ás celas conventuais. As obras da nova igrexa desenvolvéronse a partir do 1700, seguindo as trazas de frei Gabriel de Casas primeiro, e máis tarde de Pedro García. Trátase dun templo de plano centralizado, en forma de cruz grega.