anticomunismo

anticomunismo

(

s m [POLÍT]

Doutrina e actitude de oposición ao comunismo. As doutrinas socialistas, comunistas ou internacionalistas inquedaran dende o momento mesmo do seu enunciado no segundo terzo do s XIX ás clases que detentaban o poder e resultaban beneficiadas do sistema económico capitalista (ou mesmo, nalgúns países, feudal), sendo sempre os seus partidarios vixiados e reprimidos polos servicios de información e policía dos estados. Tralo triunfo da Revolución Bolxevique en Rusia (1917) e o establecemento dunha nova orde segundo as teorías marxistas nese país, no seo do movemento socialista produciuse unha nova secesión que deu orixe á Terceira Internacional e á aparición dos comunistas como tales, cun proxecto que propugnaba a toma do poder e o establecemento da ditadura do proletariado como vía cara á sociedade sen clases. O exemplo de Rusia espallouse axiña por Europa e América e provocou revoltas en Alemaña, España e outros lugares que provocaron a reacción dos gobernos das potencias capitalistas. A partir de aquí tanto os estados liberal-burgueses como os absolutistas dedicaron os seus esforzos a combatir unha doutrina que supuña a máis seria amenaza para a súa supervivencia. As potencias capitalistas (Reino Unido, Francia e Xapón) interviron na Guerra Civil Rusa (1917-1920) en apoio do Exército Branco (tsarista), mentres nos seus países a represión se intensificaba. A loita anticomunista foi un dos piares nos que se basearon os ditadores ou os fascistas para acadar o apoio das clases burguesas e conquistar o poder nas décadas de 1920 e 1930 en estados como Polonia, Hungría, España, Alemaña ou Italia. No caso español, tanto a ditadura do xeneral Miguel Primo de Rivera (1923-1930) e, sobre todo, o alzamento militar de xullo de 1936, que daría lugar á Guerra Civil (1936-1939) e ao réxime franquista (1936/1939-1975), quixeron xustificarse pola necesidade de frear ao perigo comunista. As tres potencias do Eixo (a Alemaña nazi de Hitler, a Italia fascista de Mussolini e o Xapón imperialista de Hiro Hito) fixeron do anticomunismo unha das bases da súa entente (Pacto Antikomintern). Logo da Segunda Guerra Mundial, na que as potencias capitalistas (encabezadas polos EE UU e o Reino Unido) loitaron coa Unión Soviética contra o Eixo, a pugna entre o comunismo e o capitalismo converteuse na antagonía sobre a que xiraron as relacións internacionais (Guerra Fría) e a política interna en Europa, Iberoamérica, Asia e África. Consolidouse a división do mundo en dous grandes bloques. O interese do capitalismo centrouse en frear a expansión do comunismo nos países descolonizados para deste xeito mantelos baixo a súa influencia e seguir posibilitando a súa propia supervivencia. Para os comunistas o seu era o modelo axeitado para garantir o desenvolvemento económico e a independencia real. Ao remate da guerra a Europa oriental (Polonia, Alemaña Oriental, Bulgaria, Hungría, Checoslovaquia, Romanía, Iugoslavia e Albania) quedou baixo a influencia soviética e os comunistas venceron nas respectivas eleccións que se celebraron nestes estados, implantando paulatinamente sistemas de democracia popular. En Asia o comunismo impúxose por diferentes vías en Mongolia (1924-1992), Corea do Norte (1945-1948) e China (1949), para logo facelo no Vietnam (1954/1976), Iemen do Sur (1970-1990), Camboxa (1975-1993), Laos (1975) e Afganistán (1978-1992). Os EE UU sostiveron a resistencia armada anticomunista e mesmo participaron directamente nas guerras de Corea (1950-1953) e Vietnam (1964-1975). En África o comunismo foi o soporte ideolóxico dos movementos anticolonialistas en países como Angola, Mozambique, Namibia, Zaire, etc, e logrou o poder nalgúns casos: Etiopia (1977-1991), Mozambique (1975-1990), etc. En América a loita anticomunista marcou a política do continente durante todo o século XX. A oposición aos réximes autoritarios, oligárquicos e personalistas na América Latina, artellada en torno a movementos populares que reivindicaban fondas transformacións (democratización, reforma agraria, etc), rematou, logo do triunfo da Revolución Cubana (1959) e o xiro prosoviético desta (1961), buscando o abeiro do comunismo nas súas diversas vías. Os EE UU apoiaron o establecemento de ditaduras militares que, diante o perigo comunista, levaron a termo unha sistemática represión dos elementos ‘subversivos’. Deste xeito, e con especial virulencia nas décadas de 1970 e 1980, Arxentina, Brasil, Chile, Uruguai, Paraguai, Perú, Bolivia, Guatemala, Honduras, Haití, O Salvador e Nicaragua experimentaron cruentas ditaduras que se cobraron milleiros de mortos e desaparecidos. O triunfo da Revolución Sandinista en Nicaragua en 1979 foi unha nova testemuña da intervención dos EE UU, que financiaron a guerrilla contrarrevolucionaria (a Contra). No interior dos EE UU a represión anticomunista foi tamén sistemática: entre 1950 e 1954 o Comité de Actividades Antiamericanas presidido polo senador J. R. McCarthy abriu un proceso inquisitorial contra políticos, científicos, artistas e intelectuais sospeitosos de inclinacións filocomunistas. A crítica anticomunista centrouse en suliñar a anulación da iniciativa particular na actividade económica como principal mal das sociedades socialistas, e atopou o seu mellor argumento no carácter totalitarista dos réximes comunistas, baseados nun férreo control dos aparellos do estado para reprimir e eliminar calquera disidencia, (purgas estalinistas), mesmo acadando unha dimensión case imperialista (invasións soviéticas de Hungría e Checoslovaquia en 1956 e 1968, intervencións chinesas e soviéticas en Asia), e no sometemento das aspiracións persoais (incluso as máis íntimas) aos obxectivos estatais (política de fillo único en China, políticas da vivenda, etc). Malia a caída dos reximes socialistas en Europa e a apertura e incorporación dos asiáticos aos mercados internacionais capitalistas, o anticomunismo continúa a ser en 1999 un dos dogmas da política estadounidense, tanto exterior como interior. A permanencia de Fidel Castro no poder en Cuba permiten ao poderoso lobby de anticastristas cubanos no estado de Florida manter vixente a militancia anticomunista nos EE UU, tamén alentada por exiliados dos países (na súa maioría asiáticos) que continúan baixo réximes socialistas.