antiescravismo
(
Actitudes ou opinións opostas á escravitude. Malia que no mundo clásico ou árabe existía a escravitude, non xurdiu ningunha actitude intelectual oposta de xeito sistemático ao escravismo. O primeiro antiescravista moderno foi Condorcet (1743-1794), quen se manifestou abertamente contra o Código negro (1685), que creaba un dereito para aqueles que estaban privados del: os escravos. O antiescravismo, así mesmo, adquiriu unha base científica a partir da antropoloxía darwinista, que demostraba a falacia racista sobre a que se apoiaba o escravismo: a inferioridade das razas. Os primeiros logros políticos do antiescravismo foron a abolición da escravitude pola Convención de 1792 e as múltiples conferencias antiescravistas, entre as que destacan as de Berlín (1885) e Bruxelas (1889). O último logro do antiescravismo foi a aprobación do artigo 4 da Declaración Universal dos Dereitos Humanos (10.12.1948), que prohibe a escravitude en todas as súas formas. Malia que na actualidade perviven certas formas de escravitude no Terceiro Mundo, a súa denuncia non é, sen embargo, exclusivamente unha manifestación antiescravista, senón unha loita pola instauración plena dos Dereitos Humanos.