Antigüedades de Galicia

Antigüedades de Galicia

Obra de Ramón Barros Silvelo, editada en 1875 na Coruña, na que interpreta os restos arqueolóxicos de Galicia -tanto os megalíticos como os castrexos- como “recordo das primitivas razas célticas”. Trátase dunha obra modélica para a súa época, tanto polo contido (declaradamente celtista) como polas ilustracións (elaboradas segundo a súa visión romántica). Historiograficamente, cómpre salientar que abriu un camiño, que o tempo demostrou errado, na investigación arqueolóxica xa que consideraba que as semellanzas formais entre os monumentos, mesmo se estaban moi distantes no espazo e no tempo, eran o resultado dunha unidade xenética e dun parentesco entre eles.