Antillas Neerlandesas
Conxunto de illas do mar Caribe que constitúen unha unidade autónoma dependente dos Países Baixos (800 km2; 189.474 h [1992]). Comprenden dous grupos de illas: por unha parte, Curação (444 km2; 144.097 [1992]) e Bonaire (288 km2; 10.187 h [1992]) situadas fronte ás costas de Venezuela; por outra, Saba (13 km2; 1.130 h [1992]), Sint Eustatius (21 km2; 1.839 h [1992]) e a metade meridional (a outra metade pertence a Francia) da illa de Sint Marteen (34 km2; 32.221 h [1992]) nas Pequenas Antillas, situadas ao L de Porto Rico. A capital é Willemstad (43.517 h [1992]), na illa de Curação. O Reino dos Países Baixos está representado por un gobernador responsable das relacións exteriores. O neerlandés é a lingua oficial e o florín a moeda oficial. A economía baséase na refinería de petróleo procedente de Venezuela e México, que emprega ao 25% da poboación ocupada de Curação. A agricultura e gandería son pouco importantes e só destacan na illa de Bonaire. O turismo é unha actividade importante en todas as illas (752.532 turistas [1993]). O principal porto é o de Willemstad. Hai aeroportos nas illas de Curação e Bonaire.