antimonopolista

antimonopolista

(

  1. adx [ECON]

    Que é contrario aos monopolios.

  2. política antimonopolista [ECON]

    Conxunto de disposicións adoptadas polos gobernos para evitar as situacións que atentan contra os mecanismos de mercado e o libre xogo da oferta e a demanda. Coñécese tamén como política antitrust ou contra as prácticas restritivas da competencia. Esta política é un feito corrente na maioría dos países capitalistas e ocúpase non só do monopolio senón tamén dos acordos entre empresas, o cartel, o trust, o trato discriminatorio e o abuso de posicións dominantes, sempre que estas situacións se produzan no propio país e non no estranxeiro. Os motivos desta actuación son de dous tipos: políticos, para evitar que os consumidores padezan o poder exercido polos ofertantes de bens ou servicios, así como a concordia entre o poder económico e o político, e económicos, baseados na idea de que é nun sistema de libre competencia onde se consegue a mellor distribución dos recursos. As sancións aplicadas aos infractores desta lexislación van dende a declaración de ilegalidade dos acordos adoptados polas empresas, ata a sanción económica, pasando pola obriga de fraccionar a sociedade noutras menores. A primeira lei antimonopolista moderna foi a Sherman Act (EE UU, 1890), que consideraba condenable o feito de que unha empresa producise unha porcentaxe determinada do total producido pola industria, ou os acordos asinados entre empresas para fixar prezos ou repatir entre elas o mercado. As lexislacións actuais destacan a necesidade dunha loita contra os monopolios. Deste xeito, o documento fundacional das Comunidades Europeas, o Tratado de Roma, condena os acordos e alianzas das empresas que non contribúan á mellora da produción, distribución, ao progreso técnico ou que non favorezan aos consumidores; tamén condena os abusos causados pola situación dominante dunha empresa. A lexislación española contra as prácticas restritivas iniciouse coa lei de 1963, na que se definen as prácticas interditas obxecto de represión e as prácticas exceptuables, aínda que sometidas a vixilancia. Posteriormente creouse o Tribunal para a Defensa da Competencia, dependente do Ministerio de Comercio. En xeral, as lexislacións antimonopolistas obtiveron resultados pouco satisfactorios a causa das dificultades para comprobar os acordos entre empresas. Outros factores que favorecen as prácticas monopolistas son o proteccionismo e a concentración de empresas en sectores clave. A Constitución Española de 1978 preve que determinados recursos ou servicios esenciais poderán ser reservados ao sector público, fundamentalmente en caso de monopolio inevitable (control do tránsito aéreo, policía, etc).

Palabras veciñas

antimonioso -sa | antimonita | antimoniuro | antimonopolista | Antimora | antimorfo | antimutaxénico -ca