Anuario Brigantino
Publicación bilingüe aparecida entre os anos 1948 e 1951, e editada polo concello de Betanzos na imprenta de Manuel Villuendas. Subtitulábase “Historia-Etnografía-Bellas Artes-Administración Municipal-Actualidades”. Fundado e dirixido por Francisco Vales Villamarín, contou coa colaboración de Xosé Mª Díaz Castro, Sofía Casanova, Xoán Naya, Ramón Otero Pedrayo, Álvaro Cunqueiro, Enrique Chao Espina e incluíu reproducións de textos de Manuel Murguía e Antón Vilar Ponte, entre outros. As ilustracións eran de Manuel Abelenda, Emilio de la Iglesia Caruncho, Cebreiro, Pérez Villamil e Manuel Castro Gil. Contaba con diversas seccións: estatísticas, planos da cidade, programa das festas de San Roque, industria, comercio e outras informacións. Reapareceu en 1982 con novos colaboradores e máis seccións.