Anxo/Anxa

Anxo/Anxa
[ONOM]

Nome procedente do latín eclesiástico Angelus e este, á súa vez, do grego ággelos ( ἄ γγελος) ‘mensaxeiro, nuncio, anxo’. O nome masculino actual procede probablemente da tradición relixiosa popular do Anxo da Garda, anxo custodio que protexe e guía a homes e pobos polo camiño da salvación, ao xeito do daimon (δαίμων) ‘deus, divindade’ heleno ou do genius romano. Na tradición xudeu-cristiá son instrumentos da vontade divina, mensaxeiros de Deus, e teñen os mesmos atributos cos grandes heroses clásicos: trasmiten os avisos e as ameazas, e poden ser tanto cortesáns como guerreiros ou xusticieiros. Na Biblia xa aparecían como emisarios de Iavé. O Anxo da Garda é titular de dúas parroquias e a súa festividade celébrase o 2 de outubro; a de santo Anxo o Carmelitano (s XII), o 5 de maio; e a de Ánxela Merici (ss XV-XVI), o 27 de xaneiro. Este antropónimo presenta as variantes Ánxelo, Xelo/Anxela e Xela; e as formas hipocorísticas Xele, Xeleto, Xeliño, Lucho, Xeluco, Chicho, Chichiño, Pirucho, Tito/Goriña, Xeluca. Na tradición oral recóllense cantigas como: “Marica da casa alta / ten unhas zocas de pino, / que llas regalou Anxelo / por facerlle un anxeliño”.

Palabras veciñas

Anxo | Anxo Roxo | Anxo, santo o Carmelitano | Anxo/Anxa | anxofanía | Anxos | Anxos