Añón Paz, Francisco

Añón Paz, Francisco

Poeta e xornalista. Membro do grupo coñecido como Os Precursores. Figura destacada do Rexurdimento cultural galego do s XIX, deixou unha obra moi popular. Cursou estudios no Seminario de Santiago e posteriormente licenciouse en Xurisprudencia na Universidade Compostelá. O final tráxico do Alzamento Provincialista do 1846, no que toma parte, obrígano a marchar a Lisboa. Na capital lusa compón o poema titulado Hymno dos povos, o que lle vale a expulsión de Portugal. Viaxou por Francia e Italia, transcorrendo a maior parte da súa vida fóra de Galicia, afastamento que fai da súa terra un tema recorrente na súa produción en galego. Co seu poema “A Galicia”, composición exaltadora da identidade nacional galega, acada un accésit nos Xogos Florais da Coruña do 1861, sendo logo publicado en El Álbum de la Caridad, volume compilatorio de todos os poemas premiados. Coa súa composición “Recordos da infancia” forma parte do grupo escollido de voces presentes no Mosaico de vates gallegos contemporáneos, primeira antoloxía de poetas galegos. A súa produción en castelán é de menor calidade. Coa súa presenza na obra de Curros O Divino Sainete, acada o carácter de personaxe literario, ao modo de como fixera Dante co poeta clásico Virxilio.

Cronoloxía

  • Nacemento

    Lugar : Boel, Outes

  • Deceso

    Lugar : Madrid