Aquino, María Corazón Cojuangco de ou Cory Aquino

Aquino, María Corazón Cojuangco de ou Cory Aquino

Política. Presidenta de Filipinas (1986-1992), foi a primeira elixida democraticamente despois de dúas décadas de ditadura. Educada en EE UU, casou en 1954 con Benigno Aquino, asasinado en 1983 debido á súa oposición ao Presidente Ferdinand Marcos. Cory tomou entón o relevo na loita contra a ditadura de Marcos, e conseguiu o reagrupamento da oposición baixo a coalición UNIDO. Despois das eleccións presidenciais (25 de febreiro de 1986), nas que se proclamou vencedor no medio de fundadas denuncias de fraude, Marcos tivo que deixar o poder e o país diante da reacción popular. Cory Aquino foi proclamada Presidenta do país co apoio de toda a oposición democrática e dun amplo sector do exército. Xa na Presidencia, abordou fondas reformas: ditou a amnistía dos presos políticos, disolveu o Parlamento, aboliu a constitución de 1973, iniciou conversas coa guerrilla comunista e islámica e formulou unha reforma agraria (lei de 1988). Principiou un proceso constituínte que rematou coa aprobación da nova lei fundamental en 1988. Nese mesmo ano venceu nas eleccións presidenciais, ao tempo que acadaba un amplo apoio no Parlamento (180 dos 200 representantes). Durante o seu mandato soportou sucesivas rebelións militares, sufocadas sempre polo xeneral Fidel Ramos, ministro de Defensa. Nas eleccións do 11 de maio de 1992 sufriu un descenso nos votos, polo que cedeu a Presidencia ao xeneral Ramos, vencedor nos comicios.

Cronoloxía

  • Nacemento

    Lugar : Tarlac, Filipinas

  • Falecemento

    Lugar : Manila, Filipinas