Aquis Querquennis ou Aquae Querquennae
Terceira mansión e campamento na vía romana número XVIII, chamada alio itinere ou nova, de Bracara (Braga) a Asturica (Astorga). Sitúase a 52 milliae de Braga, entre Aquis Originis e Geminis. Tanto a vía como o campamento, que se atopa no convento xurídico bracarense, son contemporáneos, xa que a vía se rematou na época de Tito (79 d C) e o campamento data dos primeiros anos da dinastía Flavia (69-96 d C). Non obstante , non se sabe se se construíu a vía en función do campamento ou o campamento para a construción e vixilancia da vía. A localización do campamento obedece a uns criterios ben definidos: ten óptimas comunicacións naturais, está á beira dun río importante (o Limia) e preto dunha fonte de augas termais; e, ademais, facilitaba o control dun territorio, o dos querquenos (querquenni), que aínda se mantiña rebelde. O campamento, que acollía unha unidade da Legio VII Gemina e quizais da Cohors I Gallica, non debeu permanecer máis alá do reinado de Antonino Pío (138-161). A primeira escavación, que identificou algunhas estruturas urbanas, realizouna Cuevillas; sen embargo, foi Rodríguez Colmenero quen identificou, a partir das campañas de escavación realizadas dende 1975, un campamento militar romano e unha mansión viaria no encoro das Conchas (Baños de Bande). O esquema urbanístico ofrece unha planimetría perfecta, aliñando xeometricamente construcións interiores e defensas ao redor de dous eixes perpendiculares: o cardo maximus e o decumanus maximus. Dende o punto de vista cronolóxico, a muralla é o elemento que primeiro quedou definido; a súa estrutura é rectangular, con catro portas, de esquinas arredondadas e defendida por torres de planta trapezoidal proxectadas cara ao interior; no exterior, paralelo á muralla, corría un único foxo de perfil en “V”. No interior diferéncianse tres tipos de construcións complementarias entre si: unha edificación cadrada que se organiza en estancias rectangulares; os horrea ou almacéns do campamento; e os barracóns da tropa. Fóra da área do campamento, cara ao N, identifícase unha mansión viaria e áreas de descanso. Así mesmo, dende os primeiros tempos funcionou unha pequena cannaba ou asento de poboación civil.