Aquisgrán
Cidade do land do Rhin de Norte-Westfalia, Alemaña, situada na marxe setentrional das Ardenas (239.200 h [estim 1990]). É o centro comercial e industrial da conca mineira que proporciona á do Ruhr o combustible (lignito) para producir electricidade. Punto de empalme da rede de autoestradas que une Alemaña con Bélxica e os Países Baixos. Durante a época do Imperio Romano, e aínda hoxe, era unha estación termal chamada Aquae Grani. Foi conquistada polos francos cara ao ano 470; Carlomagno converteuna en capital do Imperio Carolinxio e nela foi enterrado (814). Na capela do seu palacio (Capela Palatina de Aquisgrán, máis tarde incorporada á catedral) foron coroados os reis dos romanos e os emperadores xermánicos dende Carlos IV ata Maximiliano I. No ano 1801, Aquisgrán (Aix-la-Chapelle en francés) permaneceu separada dos territorios alemáns ata que o congreso de Viena lla asignou a Prusia.