Árabe, Liga
Asociación de estados árabes fundada no Cairo o 22 de marzo de 1945 por Exipto, Iraq, Siria, Líbano, Transxordania (Xordania, a partir de 1950) de Arabia Saudí e Iemen. Segundo ían acadando a independencia, adheríronse Libia (1953), o Sudán (1956), Tunicia (1958), Marrocos (1958), Kuwait (1961), Alxeria (1962), Iemen do Sur (1967), Bahrain (1971), Qatar (1971), Omán (1971), os Emiratos Árabes Unidos (1971), Palestina (representada pola Organización para a Liberación de Palestina, 1976), Xibutí (1977) e as Comores (1993). Exipto deixou de pertencer á Liga en 1979 a raíz da firma do tratado de paz con Israel, polo que a sede da organización foi trasladada do Cairo á cidade de Túnez. En 1987 os líderes árabes decidiron restablecer lazos diplomáticos con Exipto, readmitido en 1989, e a sede volveuse trasladar ao seu lugar orixinal. Entre os seus obxectivos estaban lograr a independencia de todas as nacións árabes, que aínda se atopaban baixo un goberno estranxeiro e impedir que a minoría xudía de Palestina crease un estado xudeu. Os membros formarían máis tarde un consello conxunto de defensa, un consello económico e un mando militar permanente.