Aragon, Louis
Escritor. Tomou parte xunto a André Breton e outros na creación do Surrealismo. O seu poema “Le paysan de Paris” (O labrego de París, 1926) está considerado como unha das obras mestras do movemento. Colaborou como xornalista no periódico de esquerdas L’Humanité e desde 1937 ata finais da Segunda Guerra Mundial foi codirector do diario Ce Soir. Obtivo gran popularidade coa súa poesía, animada polo patriotismo da resistencia, recollida en publicacións autorizadas ou clandestinas, frecuentemente con pseudónimo. Posteriormente, iniciou unha volta á versificación tradicional, adaptándoa e retomando os tons e as maneiras de Villón, de Charles d’Orleans e de Apollinaire, xunto ao estilo dos trobadores, a imaxinería da Táboa Redonda e a linguaxe da poesía relixiosa en Le crève-coeur (O desconsolo, 1941), Les yeux d’Elsa (Os ollos de Elsa, 1963) ou La Diane française (A Diana francesa, 1945). Despois da guerra publicou Fou d’Elsa (Tolo por Elsa, 1963) e Le voyage de Hollande (A viaxe de Holanda, 1964). A súa obra novelística iniciárase en pleno período surrealista con Anicet ou le panorama (Aniceto ou o panorama, 1921), e nela cómpre destacar as novelas do ciclo Le monde réel, Les communistes (O mundo real, Os comunistas, 1949-1951) e La semaine sainte (A semana santa, 1958). A partir de La mise à mort (Estocada, 1956) e de Blanche ou l’oubli (Branca ou o esquecemento, 1967) trata temas históricos enriquecéndoos coa súa peripecia vital. A partir de Henri Matisse, roman (Henri Matisse, novela, 1967), reflexiona sobre a súa propia arte, partindo da pintura para explicar moitos aspectos da súa novelística. Foi autor de numerosos ensaios, como os recollidos en Écrits sur l’art moderne (Escritos sobre a arte moderna, 1981) onde se pode seguir a súa evolución ideolóxica e artística.
Cronoloxía
-
Nacemento
Lugar : París