aragonés -sa

aragonés -sa

(< topónimo Aragón)

  1. adx

    Relativo ou pertencente a Aragón, aos seus habitantes ou á súa fala.

    Ex: Editaron un libro cos monumentos aragoneses máis coñecidos.

  2. s

    Natural ou habitante de Aragón.

    Ex: Os aragoneses votaron recentemente a favor do cambio político no seu parlamento.

  3. adx [HIST]

    Relativo ou pertencente á Coroa de Aragón, aos seus monarcas ou ás súas institucións.

  4. s m [LING]

    O aragonés é unha lingua románica pirenaica que nace no Alto Aragón e Sobrade, e moi probablemente tamén Ribagorza.
    Evolución histórica
    Xorde da evolución do latín vulgar neses territorios setentrionais de Aragón, aínda que presenta unha forte pegada das linguas prerromanas pirenaicas que constituían o seu substrato. O aragonés vaise constituíndo como lingua diferenciada ao longo dos séculos VII, VIII e IX, como manifestan as voces romances -topónimos, antropónimos, algún substantivo ou adxectivo, etc- que aparecen de xeito illado nos textos redactados en latín. Os primeiros testemuños escritos (frases soltas) en aragonés (ou navarro-aragonés) son as Glosas Emilianenses da metade do s X (976). Entre os séculos IX e XI asentouse como lingua neolatina e posteriormente espallouse cara ao sur segundo a Reconquista ía avanzando e repoboándose os territorios. Ao longo de toda a Idade Media o aragonés debeu ser a lingua popular empregada en todo o territorio como lingua coloquial; aínda que tamén se empregou como lingua escrita en menor medida, polo uso maioritario do latín e dentro da Coroa de Aragón e no ámbito da Chancelería, en competencia tamén co catalán. A extinción no 1412 da dinastía da casa de Barcelona provocou a instauración da dinastía castelá dos Trastámara. Dende aquela o territorio propio do aragonés, así como o seu peso social e cultural, foron minguando ata os nosos días. Pouco a pouco, especialmente dende o s XVI, o castelán foise impondo dende o sudoeste cara ao nordeste, arrecunchando cada vez máis o aragonés nos territorios setentrionais. Na actualidade esta lingua románica atópase na situación de fala minoritaria incluso no seu propio territorio e en proceso agudo de retroceso como lingua falada. Non obstante , no último terzo do século vinte produciuse un movemento de recuperación que incidiu sobre todo no desenvolvemento dun modelo de lingua literaria común. O ámbito lingüístico aragonés coincide hoxe a grandes trazos que estritamente é o Alto Aragón, exceptuando a franxa oriental de lingua catalana. É dicir, o espazo comprendido entre a fronteira francesa e a liña que une Biscaurrés, Almudébar, Berbegal, Fonz, polo Sur. Dentro deste territorio hai grandes diferencias de conservación e uso da fala aragonesa. A penas se utiliza nas grandes poboacións e en cambio é xeralmente entendida nas zonas rurais, se ben o seu uso falado descendeu vertixinosamente. Pódense diferenciar catro grandes complexos dialectais: occidental, central, oriental e meridional. Ao redor duns 30.000 falantes (no 1994), aínda que é preocupante que sexa moito maior o número dos pasivos (uns 18.000) aproximadamente, que os activos (uns12.000). Os primeiros pasos cara ao aragonés literario común danse a comezos dos anos 70 coa publicación de varios libros de poesía (de Ánchel Conte, Eduardo Vicente de Vera, Francho Nagore, etc); estes van definindo, aínda que de xeito vago, un modelo de estándar do aragonés escrito. Autores posteriores (como Inazio Almudévar, Santiago Román, Miguel Santolaria, Chusé Mª Garrido, Chusé Inazio Navarro, Francho Rodés, Chusé Raúl Usón, Chuan Chusé Bielsa, etc) van afianzando ese modelo de aragonés literario. No 1976 un grupo de escritores e estudiosos do aragonés acordou unhas normas ortográficas comúns, baseadas en criterios fonemáticos, que están sendo aplicadas e aceptadas. Estas normas foron revisadas, completadas e melloradas no I Congreso ta ra normalización de l’aragonés (Huesca, 1987). A norma nos seus aspectos morfolóxicos é de configuración moito máis lenta e aberta. Non hai acordos formais, senón que se vai establecendo mediante a difusión e aceptación maioritaria nos escritos das características propias do aragonés meridional, depurado de castelanismos e enriquecido con aspectos mellor conservados noutras zonas (especialmente, no aragonés central e occidental). O dicionario máis completo é o de R. Andolz, pero é de tipo dialectolóxico. Nalgúns campos concretos do léxico (como o das aves, as árbores, etc) fixéronse propostas de sistematización. O aragonés non está recoñecido oficialmente no Estatuto de Autonomía de Aragón, onde nin sequera se nomea (tampouco na proposta de nova redacción). Unicamente se ensina, dende 1994, como materia voluntaria, nos dous institutos de ensino medio e na E.U. de Maxisterio de Huesca; ademais, como actividade libre, fanse cursos anualmente nunha ducia de municipios altoaragoneses. En outubro de 1997 comezan a impartirse clases de lingua aragonesa dentro do sistema regrado de ensino en catro localidades do Alto Aragón: Jaca, Biescas, Aínsa e Benasque. Pero aínda non hai televisión, nin radio, nin prensa en aragonés. Como excepción hai que citar un programa de media hora semanal en Radio Huesca e algunhas colaboracións soltas en prensa. Si que hai en cambio revistas integramente redactadas en aragonés, como Fuellas, que no 1994 editaba o seu número 100. Dende 1970 ata 1994 publicáronse preto de cen libros en aragonés. Primeiramente publicouse case exclusivamente poesía (o que orixinou unha escola poética notable), pero vai crecendo o número de publicacións no eido da narrativa. Recentemente, comezáronse a editar algunhas traducións.
    Características lingüísticas:

    Os trazos máis salientables do vocalismo son:
    ­-O grupo A+U > o na época primitiva pero mantense nos derivados formados con posterioridade.

    Ex: TAURU > toro ‘touro’, pero AVICA derivado de ave > auca ‘ganso’.-Á vogal A seguida de iode, xeralmente non lle afecta a inflexión ou pechamento en e que si experimenta no castelán. Ex: TAXU > taxo ‘teixo’, MATAXA > madaxa ‘madeixa’, CAPSA caxa ‘caixa’. Aínda que si se pecha ante o iode procedente do conxunto consonántico -CT- -[KT]- > -it-. Ex: LACTE > lei ‘leite’, FACTU > feito ‘feito’.-O Ĕ breve tónico ditonga en -ié- xeralmente Ex: FERRU > fierro, METU > miedo ‘medo’. Pero tamén pode ditongar en -iá- Ex: HERBA > yarba ‘herba’, TEMPU > tiampo ‘tempo’, sobre todo na toponimia e na fala do Alto Ara e Val de Vio. Deste xeito rexistramos o sufixo -ELLU > -iello como solución máis xeral, a forma -ialla nalgunhas comarcas e na toponimia ou a variante -illo como solución castelanizada. Pero este Ĕ breve tónico tamén ditonga ante o grupo consonántico -SP- ou -ST- Ex: VESPA > biespa ‘avespa’, ARESTA > ariesta ‘aresta, canto’ ou cando vai seguido de iode Ex: VENIO > biengo ‘veño’, PECTU > peito ‘peito’.-A vogal Ŏ breve tónica presenta a solución -ué- como máis xeral Ex: FONTEM > fuen ‘fonte’, PORTA > puerta ‘porta’; aínda que tamén se rexistra a solución -uá- nas mesmas zonas que o -iá- do Ĕ breve Ex: BONU > buano ‘bo’, PONTE > puande ‘ponte’. Este Ŏ breve tónico ditonga igualmente seguido de iode Ex: FOLIA > fuella ‘folla’, OCULU > güello ‘ollo’. As vocais longas Ē, Ī, Ō, Ū ditongan, do mesmo xeito que Ĭ, Ŭ breves; aínda que só constitúe unha tendencia bastante desenvolvida e non unha regra xeral Ex: NIDU > niedo, BIGA > biega ‘trabe’, UMERO > güembro ‘ombreiro’. Este fenómeno descoñecido nas linguas románicas da Península Ibérica iguala ao aragonés co francés ou co dominio retorrománico onde si se rexistra este fenómeno.-Os resultados máis rexistrados son, sen embargo, que o Ī longo evolucione xeralmente a i Ex: FILU > filo, FICU > figo o Ĭ breve a e Ex: ESTRICTU > estreito; o Ū longo a u Ex: FUMU > fumo; o Ŭ breve a o Ex: CRUSTA > crosta.-Os ditongos latinos AE e OE ditongan no aragonés fronte ao castelán Ex: TAEDA > tieda ‘tea’, FOEDU > fiero ‘feo’.-A evolución do vocalismo átono amosa unha forte tendencia a facer desaparecer as vocais iniciais Ex: OPACU > paco ‘avesado’, ASCIATA > xada ‘eixada’.-As vocais longas interiores Ē longo, Ĕ breve e Ĭ breve adoitan evolucionar a e Ex: PLICARE > plegar ‘chegar’, PELLICULLU > perello/pelello. Aínda que hai circunstancias concretas que poden alterar ese resultado xeral.-A vocal Ī longa consérvase como i, Ex: HIBERNU > ibierno ‘inverno’, FICTIARE > fizar ‘picar’.-As vocais Ō longa e Ŏ breve evolucionan a o Ex: FORATU > forato ‘burato’, FORMICA > forniga ‘formiga’. Do mesmo xeito que o grupo AU Ex: LAURICARIA > doliquera/loriquera ‘tobo’. Salvo que vaia seguido dun iode que produza o pechamento do o en u Ex: MOLIARE > mullar ‘mollar’.-O Ū longo consérvase como u Ex: PUTIRE > putir/pudir/emputir ‘feder’.-En posición interior de palabra as vocais átonas adoitan desaparecer tanto en posición pretónica como postónica Ex: MERENDA > brenda ‘merenda’, DIRECTU > dreito ‘dereito, recto’.-O A consérvase sempre en posición final Ex: APICULA > abella ‘aella’, MACULA > malla ‘mancha na pel’.-O -E final en posición final presenta unha tendencia xeral á perda, este trazo iguala ao aragonés co catalán e as linguas galorrománicas e afástao da evolución seguida polos outros romances da Península Ibérica onde si se conserva Ex: NOCTE > nuei ‘noite’, ABIETE > abet ‘abeto’.-A vocal -O final tamén se perde en bastantes ocasións aínda que esta tendencia é menos forte que no caso de -E. A súa perda rexístrase principalmente tras consoante -n ou -z Ex: tabán ‘tabán’, airaz ‘vento forte’, troz ‘anaco’.-É moi característico do vocalismo desta lingua a epéntese dunha consoante para crebar ou desfacer os hiatos, mediante a inclusión dun -b- Ex: atabul ‘ataúde’, dun -d- Ex: codete ‘cohete’, dun -y- cayer ‘caer’, ou dun -g- Ex: emplegar ‘empregar’.As características máis significativas do seu consonantismo son:-A conservación do F- inicial latino Ex: FERRERO > ferrero ‘ferreiro’, FACERE > fer ‘facer’.-Fronte ás múltiples solucións do castelán, G- e J- evolucionan cara á unha africada palatal representada polo dígrafo ch Ex: GENTE > chen ‘xente’, JOCARI > chugar ‘xogar’.-O S- inicial presenta como solución s- Ex: SERU > siero ‘soro’, aínda que ocasionalmente tamén pode presentar as solucións ch-, z-, x- Ex: SYRINGA > charinga ‘xiringa’, SUILE > zolle ‘cortello’, SURDU > xordo ‘xordo’.-Os grupos consonánticos iniciais agrupados PL-, CL-, FL- sempre se conservan fronte ás solucións ll- do castelán e ch- do galego. Ex: PLICARE > plegar ‘chegar’. O grupo inicial CR- tamén se conserva Ex: CREMARE > cremar ‘queimar’, CREPARE > crebar ‘romper’.-As consoantes oclusivas tanto xordas como sonoras presentan unha forte tendencia á conservación no aragonés en posición interior Ex: rete ‘rede’, forato ‘burato’, polecón ‘pulgón’, RUMIGARE > remugar ‘remoer’, RADERE > rader ‘raer’.-As oclusivas xordas en posición interior e agrupadas presentan unha tendencia á sonorización cambo ‘campo’, blango ‘branco’, punda ‘punta’.- O grupo interior -MB- asimilouse a -m Ex: LUMBU > lomada ‘malleira’.- Os grupos de oclusiva máis líquida consérvanse Ex: petrusco ‘pelouro’, IMPLERE > emplir, REPLECARE > replecar, SIFILARE > chiflar ‘asubiar’, aínda que convive coa solución -ir- de orixe occitana Ex: beire ‘vidro’, PELATORE > pelaire ‘falador’. -Os grupos -SC- e -PS-, así como o -X- latino, evolucionan cara a un son prepalatal fricativo xordo, representado polo grafema x Ex: BUXU > buxo, CRESCERE > crexer ‘crecer’, CAPSA > caxa ‘caixa’. -Os grupos latinos -ULT- e -CT- evolucionan en aragonés a -uit- e -it- respectivamente Ex: MULTU > muito ‘moito’, FACTU > feito ‘feito’.-Os grupos -LI-, -C’L-, -T’L- e -G’L- evolucionan a -ll- Ex: FILIU > fillo ‘fillo’, MACULATA > mallata ‘curro’, VETULU > biello ‘vello’, TEGULA > tella ‘tella’.-Os grupos -VI-, -BI-, -DI- evolucionan xeralmente a -y- Ex: RUBEU > royo, GAUDIU > goyo ‘ledicia’.-Os grupos -NG’L e consoante + C’L xeralmente consérvanse Ex: CINGULU > zinglo, MUSCULU > musclo ‘mexillón’; o grupo formado por consoante + T’L asimílase ao grupo anterior Ex: ASTULA > ascla ‘lasca’.

  5. arte aragonesa [ARTE]

    Arte desenvolvida en Aragón. A arte Mudéxar predominou nunha parte importante do reino durante os séculos medievais e tivo influencia ata o Barroco do s XVIII. A arte cristiá da Reconquista comezou a desenvolverse no s X co prerrománico mozárabe de San Juan de la Peña e co Románico das pequenas igrexas de Huesca, enriquecida cunha escultura monumental, con imaxinería e cunha escola pictórica constituída por mestres como os que traballaron en Ruesta, Navaza e Bagüés entre os ss XI e XII. Durante o período gótico continuou o esplendor tanto en arquitectura como en escultura, pero sobre todo en pintura. A orfebrería e as outras artes do metal acompañaron a aparición de manufacturas cerámicas, principalmente en Teruel e Muel. As novidades do Renacemento penetraron con forte pulo e orixinalidade, como se pode apreciar na fachada de Santa Engracia de Zaragoza. Menos relevancia tivo o s XVII, a pesar de terse desenvolvido algunhas solucións barrocas, especialmente na remodelación da Basílica do Pilar de Zaragoza, obra capital do s XVIII. A arte da corte madrileña recibiu importantes achegas de pintores aragoneses, como as dos irmáns Bayeu e a de Francisco de Goya. Nos ss XIX e XX cómpre sinalar os intentos de revitalización de certas características rexionais na arquitectura.

  6. dereito aragonés [HIST/DER]

    Dereito aplicado en Aragón, nado da consolidación dos costumes xurídicos dos habitantes do Reino de Aragón. A súa fonte principal foron os foros municipais concedidos polo Rei aragonés ás vilas de Jaca (1064), Barbastro (1100), Belchite (1116), Zaragoza (1118-1119) e Teruel (1176). Foi compilado, sen incluír as institucións de dereito público como a do Xustiza Maior, no Foro Xeral do Reino de Aragón, e promulgado polas cortes de Huesca de 1247). O Rei Pedro, fillo de Xaime I, agregou a figura do Privilexio Xeral, peza fundamental das liberdades civís aragonesas e primeiro dos moitos engadidos que se habían de suceder ata que o xustiza maior, Martín Díez de Aux, realizou a compilación que formaría o principal corpo de dereito escrito, aplicado ata 1926. Desde as Cortes do 1592 experimentou un período de decadencia que culminou en 1707 cos decretos de Nova Planta. O Código Civil do 1879 conservou a integridade do dereito das rexións forais e estableceu o carácter supletorio respecto ao Código Civil de España. A compilación do Dereito Civil de Aragón foi promulgada o 8 de abril de 1967. É principio do dereito aragonés que as lagoas legais han de suplirse coa equidade e o sentido natural antes que con outras fontes; destaca o principio da autoridade civil, co pacto como fonte xurídica de primeira orde, de acordo coa regra standum est chartae.

  7. literatura aragonesa [LIT]

    Literatura escrita en lingua aragonesa. Durante a súa época de independencia tivo unha literatura propia, relacionada coas lendas épicas autóctonas como La campana de Huesca, prosificada polos cronistas posteriores. De todos xeitos, incorpora a influencia das literaturas castelá, provenzal e catalana. Moitos textos casteláns copiados por escribáns de Aragón incorporan aragonesismos. Este é o caso do “Poema de Roncesvalles”, da Razón de amor, da Vida de María Egipciaca, do Llibre dels Tres Reys d’Orient, do Libro de Apolonio e dun dos manuscritos do Libro de Alexandre, todos do s XIII. A influencia da lírica provenzal chegou aos trobadores aragoneses, como Tomás Périz de Foces (s XIV), que escribiu en provenzal, ou Rodrigo Díez e Pedro de Santa Fe, que o fixeron en aragonés e en catalán. Desde o s XIII hai unha produción historiográfica coa Crónica de san Juan de la Peña, escrita en latín e traducida ao aragonés en 1372, o Libro de las coronaciones, escrito no 1353 por orde de Pedro o Cerimonioso, entre outros. Esta tradición historiográfica continuou ata a época moderna, en latín ou en castelán, con figuras como Juan Fernández de Heredia, Gualberto Fabricio de Vagad e Jerónimo de Zurita. No Renacemento a literatura alterna a lingua vulgar co latín, pero as grandes figuras do humanismo dos ss XV e XVI só utilizaron a lingua sabia. Desde a unión das Coroas de Cataluña-Aragón e de Castela produciuse a identificación da lingua culta de Aragón e de Castela. Desde o s XVI os escritores argoneses só escribirán en castelán e, xa que logo, forman parte desta literatura, como ocorreu cos irmáns Argensola e Baltasar Gracián, entre outros. En círculos illados xurdiron figuras menores que utilizaban as falas populares aragonesas, sobre todo a partir do Romanticismo, que revalorizou o autóctono. Ao longo do s XX asistimos a unha reactivación literaria, tanto nas falas dialectais como nunha norma aragonesa culta, unificada a partir de 1970.

  8. música aragonesa [HIST/MÚS]

    Arte musical desenvolvida en Aragón. No s VII Zaragoza constituía un centro musical importante como mostra a obra de Ildefonso, De Viris illustribus. De San Juan de la Peña chegaron catorce folios dun libro de coro do s X con antífonas da liturxia hispánica. Neste mosteiro introduciuse a liturxia romana no ano 1071, difundíndose logo o canto gregoriano por todo Aragón. Na catedral de Huesca consérvanse dous libros con notación aquitana: un Hymnarium e un Prosarium. A partir do s XVI as catedrais de Huesca e, sobre todo, a de Zaragoza, deron pé a unha boa produción de música polifónica e de órgano. Ao comezo do s XVIII, foron mestres da Basílica do Pilar de Zaragoza o compositor aragonés Miguel de Ambiela e o catalán Lluis Serra. Francisco Javier García, nomeado Il Spagnoletto, introduciu o estilo operístico italiano en Aragón. No s XX, entre os compositores, organistas, directores e estudiosos da música nacidos en Aragón destacan, entre outros, Miguel Arnaudas, Luis de Aula, Pablo Luna, Francisco Calés, Ángel Mingote e José Artero. Dentro da música popular aragonesa destaca o baile da Jota.