Araújo Iglesias, Miguel Anxo
Bispo de Mondoñedo-Ferrol de tendencia galeguista. No Seminario e Universidade Pontificia de Comillas licenciouse en Filosofía (1941) e Teoloxía (1945). Perdeu un curso na carreira ao ser alistado no exército de Franco. Foi consagrado sacerdote en Comillas o 22.7.1945. Durante vinte e cinco anos exerceu o ministerio sacerdotal na cidade das Burgas. Colaborou no xornal La Región e en revistas relixiosas como Surge de Gasteiz e Resurrexit da Mutual do Clero de Madrid. O 6.9.1970 foi ordenado bispo na catedral de Ourense, no primeiro acto de ordenación celebrado en galego. O 13 do mesmo mes fixo a súa entrada solemne na Sé Episcopal de Mondoñedo e, sete anos máis tarde, na Concatedral de San Xiao de Ferrol.
O seu maxisterio pastoral escrito xira ao redor da problemática de Galicia: migracións, mundo rural, paro obreiro, accidentes laborais, visita pastoral, e outras recollidas no Boletín do bispado de Mondoñedo-Ferrol. No 1975 publicou a pastoral que causaría especial rebumbio, titulada O problema da Igrexa e a Lingua Galega. Asistiu ás catro sesións xerais do Concilio Pastoral de Galicia e presidiu a segunda, que trataba dos segrares na Igrexa e no mundo. Foi membro das comisións episcopais de Apostolado Segrar, Medios de Comunicación Social e Migracións da Conferencia Episcopal Española.
En 1985 a Santa Sé deulle a xubilación anticipada. Colaborou en La Voz de Galicia, La Región e Encrucillada. Publicou: A Igrexa de Mondoñedo nas súas sidonais, Escritos cristiáns sobre problemas, personaxes e conflitos de Galicia (1987), Palabras para os amigos (1989), Escritos pastorais (1990), Oracional galego (1991), Memoria de vida (1993), Os bispos de Galicia e o Concilio Vaticano II (1997), A Merca, antropoloxía dun concello galego (1997), San Rosendo, bispo e fundador (1999). En 1977 outorgáronlle o Pedrón de Ouro. Tres anos máis tarde foi nomeado Membro Numerario da Real Academia Galega. En 1988 recibiu a Medalla Castelao, en 1989 o Premio Trasalba e en 1992 o Grelo de Ouro.
Cronoloxía
-
Nacemento
Lugar : Sabadelle, Pereiro de Aguiar -
Falecemento
Lugar : Ourense