Araújo Pérez, Xosé

Araújo Pérez, Xosé

Canteiro, mestre-construtor coa súa propia cuadrilla, e xunto a E. H. Botana un dos máximos líderes do socialismo vigués. Asentouse en Vigo despois de facer o servizo militar, desenvolvendo desde a década de 1890 unha acción societaria pioneira que está nas orixes da Federación Local de Trabajadores. En 1894 participou nas xuntanzas que deron orixe á primeira Agrupación Socialista de Vigo. En 1896 creou a Sociedad de Canteros, cerna do proselitismo uxetista na cidade olívica. Tres anos despois colaborou na aparición da publicación local Solidaridad, principal semanario socialista galego nestas décadas. En 1900 foi vogal na constitución da Junta Municipal de Reformas Sociais, presidida polo alcalde de Vigo, con representantes obreiros e patronais, e que entre 1911-1914 promoveu medidas de seguridade no traballo, descanso dominical, redución da xornada de traballo, mellora do traballo feminino e dos nenos. En 1903, presidiu o III Congreso Obreiro Galaico-Portugués, en Braga, promovido para afianzar a solidariedade internacionalista. En 1908 participou na posta en marcha da Cooperativa Socialista Obrera de Vigo. A partir de 1909, cando se constituíu a Conxunción Republicano-Socialista, Xosé Araujo formou parte do comité local que ligaba aos republicanos unionistas, federais e aos socialistas vigueses, cos que participaría en mitins de propaganda agrario-societaria de Vigo e área de influencia. A súa participación na folga xeral de 1917 levouno ao cárcere do castelo do Castro. En 1921, foi delegado vigués no Congreso Extraordinario do PSOE, o da escisión comunista, defendendo unha postura ortodoxa.

Cronoloxía

  • Nacemento

    Lugar : Mourente, Pontevedra

  • Deceso

    Lugar : Vigo