Arcebispado de Santiago de Compostela

Arcebispado de Santiago de Compostela

O arcebispado compostelán, constituído por Xelmírez (1100-1140) o 31 de outubro de 1104, ten as súas orixes na diócese de Iria, sufragánea de Braga. Os fitos máis salientables desta fase anterior ao arcebispado son: a descuberta da tumba do Apóstolo Santiago, feito que motivou o traslado a título persoal dos bispos de Iria a Santiago de Compostela; o traslado da sé de Iria a Santiago de Compostela sendo bispo Adaulfo II; e a emancipación de Braga, lograda polo bispo cluniacense Dalmacio e outorgada por Urbano II. Ademais da sé arcebispal, Xelmírez acadou o título de sé metropolitana o 27 de febreiro de 1120 -confirmado o 23 de xuño de 1124-, cando Calisto II trasladou a Santiago de Compostela a metrópole de Mérida. Nestes primeiros tempos, a nova sé metropolitana foi constituída coas dióceses sufragáneas de Beja, Lisboa, Faro, Idanha, Coimbra, Viseu, Lamego, Ciudad Rodrigo, Salamanca, Ávila, Coria, Plasencia, Badajoz e Zamora. No ano 1199, logo de numerosos preitos entre Toledo, Braga e Santiago de Compostela, Coimbra e Viseu pasaron a Braga. A época de Xelmírez, malia a súa conflitividade política, estivo dominada polo esplendor económico e cultural da sé compostelá (actuacións arquitectónicas na catedral románica e en distintas igrexas e outras edificacións da cidade), pola configuración e expansión dos dominios da Terra de Santiago (abranguendo a superficie situada entre o río Ulla, o Tambre e o océano Atlántico) e pola organización administrativa do novo señorío. Os sucesores de Xelmírez -Pedro Helías, Pedro Gudesteiz, Pedro Suárez de Deza, Bernaldo II e Xoán Arias, entre outros- buscan a magnificencia do culto, reforman as constitucións do cabido para garantir o axeitamento do culto á categoría da sé; e reestruturan o sistema administrativo. Neste último eido destacou a labor de Pedro Suárez de Deza, quen estableceu a supresión dos ‘mosteiros familiares’ e deseñou unha nova organización eclesiástica. O s XIV tivo unha gran repercusión na sé compostelá, tanto no seu señorío como na súa provincia eclesiástica. Os abusos cometidos polos arcebispos foron motivo de revoltas antiseñoriais, como as protagonizadas contra Berenguel de Landoira (1328) ou Alonso de Fonseca (1469); así mesmo, a importancia do arcebispado compostelán motivou que moitas familias nobres do reino (Trastámara, Manrique de Lara, Moscoso, Mendoza, Luna ou Fonseca) pretendesen ocupar a sé. Ademais, os acontecementos político-relixiosos relacionados co Cisma de Aviñón supuxeron para Santiago de Compostela profundos cambios debido ás diferentes posturas dos monarcas: os reis de Castela apoiaron o Papa de Aviñón e os de Portugal o de Roma, o que provocou que as dióceses sufragáneas de Braga e Compostela dependesen dun Papa distinto daquel que tiña o apoio das súas metrópoles. A crise medrou cando o Papa Bonifacio II creou a metrópole de Lisboa en 1393 outorgándolle, entre outras, a diócese de Idanha, que era sufragánea de Santiago de Compostela. En resposta, Clemente VII de Aviñón decidiu en 1394 que todas as dióceses do territorio galego (que incluían a de Astorga) pasasen a Santiago de Compostela. Deste xeito, Santiago de Compostela perdía todas as sufragáneas en territorio portugués, pero a súa provincia eclesiástica gañaba unha notable coherencia territorial ao incorporar as dióceses galegas de Tui, Mondoñedo, Lugo, Ourense e Astorga xunto coas de Ávila, Badajoz, Ciudad Rodrigo, Coria, Plasencia, Salamanca e Zamora. Alonso II de Fonseca (1464-1507) marcou un período de transición determinado polas novas estruturas políticas (monarquía autoritaria, regalismo, etc) e pola Contrarreforma e o Concilio de Trento. Comezaba, así, unha nova fase que se caracterizaría polo enfrontamento co cabido, o concello e a nobreza e pola súa achega ao sistema de goberno do novo estado. Nesta etapa, na que ademais foron constantes os ataques corsarios e as pandemias e fames crónicas, tiveron un papel destacado Gaspar de Zúñiga e Francisco Blanco. Non obstante , de 28 arcebispos que gobernaron a diócese entre 1550 e 1800 só cinco foron galegos: Fernando de Andrade e Soutomaior (1645-1655), Francisco Seixas e Losada (1681-1684), Caetano Xil Taboada (1745-1751), Bertomeu Raxoi e Losada (1751-1772) e Sebastián Malvar e Pinto (1783-1795). O Concordato de 1753, que plasma as directrices que os monarcas borbónicos pretendían impoñer nas institucións eclesiásticas, supuxo o inicio dun proceso de crise no que desaparecerían progresivamente as bases fundamentais da estabilidade económica da sé: o privilexio do Voto de Santiago e os décimos sobre as colleitas. O Concordato do ano 1851, polo que se reducía o número de clérigos nas catedrais, obrigou á reforma do cabido compostelán; así mesmo, nese Concordato estipulábase a reformulación das provincias eclesiásticas que limitou as sés sufragáneas de Santiago de Compostela a Mondoñedo, Lugo, Ourense, Tui e Oviedo. As escavacións arqueolóxicas no chan da catedral (1878) e o novo contexto social provocaron unha revitalización do fenómeno das peregrinacións, case inexistente dende o s XVI, e da vida relixiosa (cartas pastorais e misións populares). Xa no s XX, logo dun proceso de laicización da sociedade que motivara numerosos ataques á corrupción do clero compostelán, Franco confirmou o Padroado Nacional do Apóstolo Santiago (1937), declarando o 25 de xullo como día de festa en todo o Estado Español. A chegada ao arcebispado de Quiroga Palacios (1949-1971), investido da dignidade cardealicia (1953), significou un potenciamento da vida relixiosa e o establecemento dos elementos imprescindibles para a axeitada formación do clero diocesano. No ano 1954, produciuse a última modificación territorial da provincia compostelá ao adquirir Oviedo o título de sé metropolitana. Ángel Suquía (1973-1983) reorganizou o arcebispado creando tres vigairías episcopais territoriais e unha vigairía episcopal de ensino e catequese, que xa fora creada por Quiroga Palacios. Destaca, así mesmo, a tarefa reformadora das estruturas económicas: o primeiro inventario xeral dos bens do arcebispado e das divisións parroquiais, atendendo a unha reorganización acorde coa realidade demográfica. Trasladado á diócese de Madrid, Suquía foi substituído por Rouco Varela, á súa vez trasladado a Madrid no ano 1994, data en que o sucedeu Xulián Barrio Barrio, quen rompeu coa presenza de arcebispos galegos na sé compostelá malia os desexos proclamados polos sectores máis comprometidos co galeguismo.

Palabras veciñas

arcea | Arcea | arcebispado | Arcebispado de Santiago de Compostela | arcebispal | arcebispo | Arcebispo Juan de San Clemente, Premio Literario