arciprestado

arciprestado

(< arcipreste)

  1. s m [ADM/RELIX]

    Dignidade ou cargo de arcipreste.

  2. s m [ADM/RELIX]

    Territorio situado baixo a xurisdición eclesiástica dun arcipreste.

  3. s m [HIST/ADM/RELIX]

    Conxunto territorial que agrupa a varias parroquias baixo a figura do arcipreste. De orixe incerta, xa nos concilios de Braga (561) e de Mérida (666) aparecen referencias ao cargo de arcipreste. Ata 1851 foi unha circunscrición intermedia entre o arcediagado e a parroquia. Naceu co obxectivo de axudar os bispos, principalmente nas funcións litúrxicas. Ao incrementarse a complexidade da administración eclesiástica, aumentou o número dos arciprestados, e con el as diferencias entre urbanos e rurais. As demarcacións adaptáronse ás estruturas administrativas e sociais. Na Idade Media, os arciprestes son denominados en moitas ocasións co nome de “deán” (decanus) xa que, polo xeral, cada un deles acostumaba a presidir un número de dez presbíteros. O Concordato de 1851 fixo desaparecer o cargo de arcediago, pasando os arciprestes a ocupar un papel máis relevante nas relacións entre os cabidos e as parroquias. O Concilio Vaticano II asignoulle funcións máis espirituais que administrativas. Hoxe en día, en Galicia conforman 170 unidades territoriais que non concordan cos límites municipais e provinciais senón que atenden ás divisións históricas e tradicionais das dióceses galegas.