Arenal Ponte, Concepción
Socióloga, pedagoga, ensaísta e activista social. Aínda que de formación autodidacta, é probable que a súa ansia de saber e a súa condición de muller a levaran a asistir, disfrazada de home, a clases na universidade correspontes á carreira de Dereito (1842-1845), de forma esporádica e sen carácter oficial. Antes de introducirse na elaboración de artigos xornalísticos e ensaios escribiu unha novela que quedou inédita, Historia de un corazón (1850), e Fábulas en verso, libro do que se fixeron dúas edicións (1851 e 1854) e que foi declarado libro de texto no ensino primario. Tamén escribiu unha zarzuela, Los hijos de Pelayo, e unha obra de teatro, Un poeta, que non chegaron a representarse, mentres que, La medalla de oro, si chegaría aos escenarios. Dende 1854 a 1857 colaborou no xornal liberal La Iberia. No 1857, Concepción Arenal trasladouse a Asturias, primeiro a La Isla, despois a Colloto e, en 1858, a Oviedo, onde escribiu dous libros que non chegaron a publicarse Dios y la Libertad! e De dónde venimos, a dónde vamos? Posteriormente, instalouse en Potes onde escribiu La Beneficencia, la Filantropía y la Caridad, obra que resultou premiada pola Real Academia de Ciencias Morales y Políticas en 1860, e que Concepción Arenal enviara asinada polo seu fillo Fernando. A partir de entón a actividade social e intelectual de Concepción Arenal continuou de forma practicamente ininterrompida ata a súa morte. En Potes creou a sección feminina das Conferencias de San Vicente de Paúl e escribiu El visitador del pobre co fin de que lles servise de guía a estas mulleres. Esta obra foi traducida ao francés, ao inglés, ao italiano, ao alemán e ao polaco. En 1861 publicou o poema “España en África”, que non resultara premiado pola Real Academia Española en 1860, co título de “Apelación al público de un fallo de la Real Academia Española”. Ao ano seguinte escribiu La igualdad social y política, obra que tamén quedou inédita. En 1863, estando na Coruña, Concepción Arenal foi nomeada visitadora de prisións de mulleres. Xunto con Juana de Vega, condesa de Espoz y Mina, creou unha asociación de mulleres chamada Las Magdalenas que tiña como finalidade visitar as presas, lerlles as cartas que Concepción Arenal ía escribindo e axudalas cando saísen do cárcere. Este labor deu lugar á obra Cartas a los delincuentes, aínda que cando Concepción Arenal rematou este traballo, en 1865, o goberno suprimiu o posto que viña ocupando como visitadora de prisións e cesouna. En 1866 a Sociedad Abolicionista Española premiou o seu poema “La esclavitud de los negros”. No ano seguinte escribiu e publicou El reo, el pueblo y el verdugo, o la ejecución pública de la pena de muerte e, en 1868, o goberno provisional restableceuna no cargo de visitadora, esta vez co nome de inspectora de casas de corrección de mulleres; cargo que sería definitivamente suprimido no 1873. No 1869 colaborou con Fernando Castro na fundación do Ateneo Artístico y Literario de Señoras, precedente de posteriores iniciativas en favor da formación e instrución da muller. A partir de 1870 Concepción Arenal embarcouse no proxecto de tirar adiante o xornal quincenal La Voz de la Caridad, co propósito de denunciar as inmoralidades ocorridas no ámbito da beneficencia e dos establecementos penais. O apoio moral e material de Juana de Vega, Fernando de Castro e Salustiano Olózaga fixo posible o inicio deste proxecto que se desenvolvería ata 1884. En 1875, Concepción Arenal trasladouse a Gijón onde colaborou no Ateneo-Casino Obrero e no xornal La Ilustración Gallega y Asturiana, onde publicou, entre outros, o artigo “Hay Irlanda pero no hay Cobden” (1880), onde analizaba a situación de miseria en Galicia e avogaba polo librecambio. Ese ano a Real Academia de Ciencias Morales y Políticas volveu premiar unha memoria súa titulada Las colonias penales de la Australia y la pena de deportación, e tres anos máis tarde, en 1878, o seu traballo La instrución del obrero resultaría novamente premiado, esta vez cun accésit. En 1889 Concepción Arenal mudouse a Pontevedra e, en 1890, grazas á mediación de Francisco Giner de los Ríos, a Vigo, o seu asentamento definitivo ata a súa morte. Non obstante, a súa actividade intelectual continuou durante ese período: enviou cadanseu informe aos congresos internacionais penitenciarios de San Petersburgo e Anveres, escribiu El Visitador del Preso (1891), obra publicada primeiramente en francés, traballou na corrección das súas obras completas, enviou dous traballos -sobre a instrución do obreiro e a educación da muller- ao II Congreso Pedagógico Hispano-Portugués-Americano (1892), escribiu El delito colectivo (1892), etc. Na súa tarefa intelectual pódense distinguir tres sectores preferentes de estudio: a análise de cuestións vencelladas ao dereito e, en concreto, ao dereito penal e penitenciario; o tratamento de asuntos relativos á conflitividade social e ás súas causas, consecuencias e remedios; e o estudo da chamada “cuestión feminina”. Do primeiro grupo cómpre destacar, ademais dalgunhas obras anteriormente citadas: Estudios penitenciarios (1876) e Ensayo sobre el derecho de gentes (1879). Á cuestión social dedicou gran cantidade de traballos, entre eles: La cuestión social. Cartas a un obrero y a un señor (1880) e El Pauperismo. A situación das súas contemporáneas foi obxecto preferente da súa atención, reflectida tanto en traballos de carácter monográfico como noutros non dedicados especificamente á cuestión feminina. As obras monográficas que consagrou á análise deste asunto foron: La mujer del porvenir (1869), Artículos sobre las conferencias dominicales para la educación de la mujer (1869), La mujer de su casa (1883), El trabajo de las mujeres (1891), La educación de la mujer (1892) e Estado actual de la mujer en España (1895); este último traballo apareceu recollido con anterioridade na obra recompilatoria de Théodore Stanton The woman question in Europe (1884). Vencellada por lazos intelectuais e afectivos ao Liberalismo e ao Krausismo, Concepción Arenal tratou, sen embargo, de elaborar sempre unha opinión propia e orixinal sobre os asuntos que trataba, considerando o eclecticismo como unha virtude. O idealismo cristián, a importancia concedida á reforma moral e á educación son, sen embargo, claves para comprender o pensamento arenaliano nun contexto histórico onde as prácticas capitalistas e o incipiente industrialismo deixaban ver xa as súas nefastas consecuencias para a clase obreira e esta comezaba a organizarse para reivindicar a mellora das súas condicións de traballo e de vida. Polo que se refire á análise das condicións de vida das súas contemporáneas, Concepción Arenal executou unha crítica certeira e sagaz, aínda que as premisas idealistas das que partía impediron novamente que a reforma proposta para rematar coa inxusta situación descrita fose máis alá da necesidade de educación feminina. As achegas teóricas e prácticas de Concepción Arenal, aínda sendo de escaso valor científico, conteñen fotogramas que describen a sociedade da súa época.
Cronoloxía
-
Nacemento
Lugar : Ferrol -
Deceso
Lugar : Vigo