Arias

Arias
  1. [ONOM]

    Antigo nome galego frecuente na época medieval. Existen distintas explicacións sobre a súa orixe. Uns considérano nome persoal indíxena, autóctono en relación con Ares, a partir do tema prelatino e preindoeuropeo ara ‘val’, derivado de *ar- ‘auga’; algúns relaciónano co hebreo Arieh ‘león’, co -s propio da desinencia de nominativo de singular, habitual nos antropónimos hebreos latinizados; outros explican o -s final, relacionándoo con Ares, lugar que antano era Anaris, derivado de anas ‘río’; e, finalmente, outros investigadores pensan que está relacionado coa raíz xermánica ar- ‘aguia’. Tamén existe como apelido e pode ser de orixe patronímica ou toponímica; o nome de lugar derivaría dos nomes comúns agras ‘campos grandes’ ou areas ‘currais das casas’. Como nome persoal non está moi estendido o seu uso pero si como apelido, sendo un dos máis frecuentes, ao igual ca as formas Aires e Airas. Como apelido xa se documenta no s X: “Vitisclus Arias” (doc ano 927 en J. Mª Andrade Cernadas, O tombo de Celanova, 1995, p 349) e “Pero Areas cavaleyro” (doc ano 1261 en J. I. Fernández de Viana y Vieites, Colección diplomática del monasterio de Santa María de Ferreira de Pantón, 1994, p 33); e como prenome no s X: “Arias plor.” (doc ano 975 en E. Rivas Quintas, Onomástica persoal do noroeste hispano, 1991, p 107).

  2. [HIST/HERÁLD]

    Antiga liñaxe que asentou casa en Sirgal, en Monterroso e en San Miguel das Penas. Os Arias foron antano condes de Monterroso. Espalláronse por Asturias, León, Castela, Navarra, Aragón e Andalucía, vencellándose coas estirpes máis importantes da Península. Deron orixe a familias distinguidas comos os Arias Davial, Arias Castillo, Arias Montalvo e Arias Saavedra. Desde Salamanca pasaron a terras americanas os Arias Maldonado, deixando fondas pegadas en México, Colombia e Perú. Moitos cabaleiros desta familia ingresaron nas ordes de Santiago, Calatrava, Alcántara, Carlos III e San Xoán de Xerusalén ou probaron a súa nobreza na Sala de Fillosdalgo das Reales Chancelerías de Valladolid e Granada, e na Real Audiencia de Oviedo. Os antigos tratadistas remontan a súa orixe aos tempos dos reis suevos. Algúns investigadores din que os de San Miguel das Penas proveñen do valeroso cabaleiro Arias Gonzalo, aio da Raíña Urraca, que sobresaíu no cerco de Zamora. Hai tamén quen di que vén dos Somoza cos que deberon estar moi vencellados. As armas primitivas dos Arias levan, en campo de azul, dous leóns de ouro, rampantes e enfrontados. Os de Galicia, Asturias e Castela traen escudo mantelado en punta: a primeira partición, de prata, cunha cruz de Calatrava, de goles; a segunda, tamén de prata, cunha aguia de sable; e, a terceira, un manteler de goles cun castelo de prata. Os de Navarra e Aragón empregan escudo partido medio cortado: na primeira partición, sobre campo de ouro, catro faixas de azul con dúas cruces de Calatrava e goles, unha no alto e outra no baixo; na segunda, sobre campo de azul, un castelo de prata dunha soa torre; e na terceira, sobre campo de ouro, un angazo de sable. Os Arias de Losada levan escudo cortado: na primeira partición cunha aguia voante de prata coroada, de ouro, en campo de sinople (as armas dos Arias) e armada de goles; na segunda, sobre campo de ouro, tres lagartos de sinople dereitos e postos en faixa, debaixo dunha lousa de ouro orlada por un filete de sinople (armas dos Losada).