Arias, Xoán
Arcebispo de Compostela (1238-1266). Activo participante na vida pública compostelá, contou con grandes recursos económicos e cun amplo poderío político -que o relacionou coa monarquía-, e militar. Baixo o seu padroado acometéronse importantes remodelacións na obra románica da Catedral de Santiago de Compostela: construción do claustro antigo (1240-1250), onde participaron artistas formados no obradoiro dos discípulos do mestre Mateo; remodelación da Corticela (1250), quizais obrigada polo proxecto de dotar á catedral dunha nova cabeceira, que deixaría un paso impracticable pola porta sur desa capela. Así mesmo, debido aos conflitos cos burgueses e co concello de Santiago de Compostela, decidiu dotar ao bispado da residencia axeitada; de feito, remodelou o Pazo Arcebispal, iniciado baixo o auspicio do arcebispo Xelmírez, variando o proxecto orixinal. Ademais dos cuartos e da cámara do bispo, a nova planta encargada a Pedro Bonet (1260) incluíu tres elementos novos esenciais: unha capela para uso exclusivo do prelado, unha sala de dobre planta e unha torre -“afirmación visual do poder temporal do bispo”-. Semella que apoiou a construción do claustro da Colexiata do Sar e de Toxosoutos. Así mesmo, a actuación de Xoán Airas foi esencial na repoboación da cidade da Coruña e, por conseguinte, para a construción das igrexas. Neste sentido, o seu padroado advírtese na portada principal de Santa María do Campo (1260) e, secundariamente, no complexo proceso de construción da Igrexa de Santiago da Coruña.
Cronoloxía
-
Deceso
Lugar : Compostela