Arís Torres, Manuel

Arís Torres, Manuel

Realizador cinematográfico. Moi novo, este pontevedrés emigrou a Uruguai. Alí fixo estudos técnicos e desempeñou varios oficios. En 1950, segundo se publica nun libro sobre a historiografía cinematográfica do noso país, coñeceu un director uruguaio, D. Sposito, o que vai determinar parte da súa actividade posterior.

O cine de tema galego para os países americanos de fala española pasou por varias etapas, sendo a de carácter documental a que máis prevaleceu. Arís vai facer nos anos cincuenta, en América, algo semellante ao que fixera José Gil (1870-1937) en Galicia. En primeiro lugar realizará unha recompilación de imaxes da xeografía galega en Montevideo, en que aparecen traballos dos nosos emigrantes nesa cidade, Caminos de España en el Uruguay. Como cineasta autodidacta seguiron Un viaje por Galicia e Tierra de nuestros mayores. Ambas son unha montaxe de filmacións que levara a cabo nas súas estadías en España. A segunda, do ano 1959, ten unha coartada argumental para mostrar a paisaxe e algunhas manifestacións etnofolclóricas galegas; un emigrado chega de América para ver a súa nai. Estas cintas foron ben acollidas polos galegos residentes en Uruguai e Arxentina. Despois destas experiencias, Arís abandonou a cinematografía para dedicarse a outros negocios.

Cronoloxía

  • Nacemento

    Lugar : Poio

  • Falecemento

    Lugar : Bos Aires