Aristófanes

Aristófanes

Comediógrafo grego. É un dos máis célebres poetas dramáticos clásicos xunto con Esquilo, Sófocles, Eurípides e Menandro. Dunha gran cultura literaria e artística, desprezou fortemente a ignorancia. Na súa obra teatral defendeu os mitos relixiosos dirixindo a súa sátira contra os renovadores do pensamento como Sócrates. Destacou pola visión crítica da realidade, pola defensa da utopía e polo espírito pacifista. A súa madureza creativa chegou durante a Guerra do Peloponeso (431-404), fronte á que adoptou unha posición inequívoca, denunciando a tolemia e a sinrazón do enfrontamento. Nas súas obras, As nubes (423) e As ras (405), quixo desacreditar a Guerra do Peloponeso e acadar unha paz con Esparta, igual que fixeran outros anovadores da tradición teatral como Eurípides. Logo da derrota de Atenas fronte a Esparta e co ascenso do partido aristocrático ao poder na cidade ática, do que Aristófanes era membro, comezou o segundo gran período da súa produción, marcado pola perda de liberdade de expresión. Das corenta e catro comedias que se cre que escribiu non se coñecen máis ca once. Entre as pertencentes á súa primeira etapa, xunto ás xa mencionadas, están Os arcanenses (425), Os cabaleiros (424), As avespas (422), A paz (421), As aves (414), Lisístrata (411) e As festas de Deméter ou As tesmóforas (411). Da segunda etapa só se conservan A asemblea das mulleres (389 ou 392) e a fábula mitolóxica Pluto (388). Perviviron máis de douscentos códices, o máis completo deles é o de Ravenna (s XI); a primeira edición moderna foi a de Basilea (1532). Partindo dos seus textos, téñense realizado diversos espectáculos en lingua galega, algúns no medio escolar. Entre todos eles, podemos salientar A paz, estreado por Ditea en 1978, As nubes, producido por Artello no 1980, e Lisístrata ou de cando as mulleres reviraron, presentado polo Centro Dramático Galego no 1997.

Cronoloxía

  • Nacemento

    Lugar : Atenas