Aristóteles

Aristóteles

Filósofo e científico grego, un dos intelectuais máis influentes da historia. Fillo de Nicómaco, médico e amigo de Amintes II de Macedonia, aos dezaoito anos ingresou na Academia. Á morte do mestre Platón (374), Aristóteles viviu en Assos e Mitilene. No 343-342 Filipo de Macedonia encargoulle a educación do seu fillo Alexandre e cando este foi nomeado rexente (340), despois dunha estancia de catro ou cinco anos en Estagira, volveu a Atenas, onde fundou unha escola propia, o Liceo, na que impartía as súas leccións mentres paseaba cos seus discípulos baixo os pórticos ou polo xardín; de aquí vén o termo peripatética que se aplica á súa escola (περιπατέω, en grego ‘pasear’). Para Aristóteles a realidade auténtica son as cousas concretas (substancias). Á doutrina metafísica da substancia correspóndelle a concepción lóxica das categorías. “O ser dise de moitas maneiras”: como substancia, cantidade, calidade, relación, lugar, tempo, posición, estado, acción e paixón. Substancia é “aquilo que non pode ser afirmado dun suxeito, pero do cal toda cousa é afirmada”; as outras categorías, pola contra, presupoñen sempre unha substancia da cal son afirmadas. A lóxica, que el chamaba analítica, non é unha ciencia substantiva, senón un instrumento (en grego ‘órganon’): non é unha simple lóxica formal, senón toda unha teoría da ciencia. Distingue a dedución da indución e desenvolve unha teoría bastante completa dunha forma de razoamento dedutivo: o siloxismo. A pesar da lóxica aristotélica descoñecer as proposicións relacionais (considera só os predicativos e reduce a dedución ao siloxismo), foi a achega fundamental a esta ciencia ata o s XIX. Aristóteles reconsidera o problema esencial do naturalismo presocrático: cómo explicar o cambio. Introduce dous pares de conceptos destinados a exercer un papel importante: materia e forma, potencia e acto. Non existe ningunha materia sen unha mínima determinación formal; a materia máis elemental é a dos catro elementos (lume, aire, auga, terra). A forma en Aristóteles era a organización peculiar dunha materia que lle permite cumprir uns fins específicos, considerado dinamicamente, o cambio é o paso da potencia ao acto. A potencia é ao acto como a posibilidade é á realización. A potencia é correlativa da materia e o acto da forma. A actualización dunha realidade faise en virtude das causas. Aristóteles recoñece catro: causa material, causa formal, causa eficiente e causa final. A astronomía aristotélica é moi apriorística: está ligada á Teoloxía. A Terra, inmóbil, está no centro do Universo, composto por cincuenta e nove esferas concéntricas. Cada esfera é movida polo pulo da inmediata superior. A máis alta, a das estrelas fixas, é movida en virtude dun primeiro motor inmóbil, Deus. Darwin dicía de Linneo e de Cuvier que non eran senón escolares en comparación con Aristóteles; isto quizais sexa dicir demasiado, emporiso, xusto é dicir que a súa obra biolóxica é considerable, tanto é así que se lle considera o pai da zooloxía, sendo especialmente importante a súa tarefa sistematizadora: dividiu os animais en dous grupos: os enaima ( ἕ ναιμα) ou ‘animais con sangue’, vertebrados, e os anaima ( ἄ ναιμα) ou ‘animais sen sangue’, invertebrados. Moitos dos subgrupos que estableceu e nomeou (aves, insectos, crustáceos, equinodermos, moluscos) aínda se consideran válidos. Bioloxía e psicoloxía son inseparables para Aristóteles; a ánima é principio de vida en xeral, se ben cómpre distinguir diversos tipos de ánima: a nutritiva, propia das plantas, a sensitiva, propia dos animais, e a racional, propia do home. Entre corpo e ánima hai a relación de materia a forma, polo que non poden ser concibidos por separado. A ánima non ten partes, senón facultades. A actividade da ánima humana é o pensamento, que procede a partir das sensacións. A facultade intelectiva ten dous aspectos: o intelecto pasivo, que asimila as formas intelixibles, e o intelecto activo, que é común a todos os seres humanos. Ética e política están unidas porque o ben do individuo e o do estado son inseparables (a pesar de que Aristóteles pon o acento sobre o individuo). A finalidade da vida humana é a felicidade ou o benestar, que non se identifica coa virtude, o pracer ou a riqueza, senón que os presupón. A obra escrita de Aristóteles pódese dividir en tres grandes seccións: diálogos, coleccións de materiais e obras científicas. Agás a Constitución de Atenas (única conservada das 158 descricións das constitucións gregas), todos os escritos conservados pertencen á terceira sección. Os diálogos son da época da Academia: Dióxenes Laercio cita dezanove títulos, entre eles Protreptico, Sobre a filosofía e Sobre a monarquía. O Órganon é o conxunto dos tratados de lóxica. Son obras de filosofía natural Física, Do Ceo, Da xeración e da destrución e Dos meteoros. Versan sobre psicoloxía Da ánima e os tratados chamados Parva naturalia. De historia natural son a Historia dos animais, Das partes dos animais, Do movemento dos animais e Da xeración dos animais. A Metafísica trata as cuestións máis xerais. A moral recóllese en tres tratados: Ética a Nicómaco, a Gran Moral e a Ética a Eudem. Finalmente están a Política, a Retórica e a Poética. A Política comeza defendendo o estado, contra a concepción sofista do estado como unha construción convencional. Para Aristóteles, a cidade-estado grega é a forma máis elevada posible da vida social. Admite a escravitude como institución natural, alicerzada en diferencias inherentes aos individuos; o escravo posúe unha forma inferior de razón, que xustifica o seu destino de ‘instrumento falante’. Pode considerarse a Aristóteles como un dos primeiros tratadistas de economía política: distinguiu entre unha maneira natural de adquisición de riquezas (agricultura, gandería, caza e pesca) e unha maneira non natural (intercambio, comercio, onde intervén o diñeiro). Defendeu a propiedade privada corrixida polo uso común de certas cousas. Clasifica as constitucións en correctas e desviadas; as primeiras son: monarquía, aristocracia e timocracia (segundo gobernen un só, uns cantos ou a maioría); as formas desviadas correspondentes son tiranía, oligarquía e democracia. A Retórica é un manual para o uso do orador. A Poética é unha obra estética, especialmente sobre a traxedia e a epopea. O final da traxedia é a catarse, é dicir, a purgación da piedade e do medo.

Cronoloxía

  • Nacemento

    Lugar : Estagira, Tracia

  • Deceso

    Lugar : Caldicia, Eubea