Armañá
Conxunto de mosaicos romanos atopados en Lugo, nas escavacións da rúa Armañá realizadas por A. Rodríguez Colmenero e E. Alcorta en 1986. Neste mosaico predominan os elementos xeométricos que enmarcan, dispoñéndose en rexistros concéntricos, un emblema de carácter mitolóxico. A escena do emblema representa o momento en que Dédalo lle entrega a Pasífae a becerra de madeira que, recuberta coa pel dunha vaca, vaille servir para satisfacer a paixón que sentía por un touro, debido ao castigo que lle impuxeran Venus e Poseidón. Tanto pola técnica de elaboración como polo motivo representado, o mosaico dátase na primeira metade do s III, aínda que con posterioridade sufriu frecuentes reformas, concretamente na segunda metade do s IV. É un dos exemplos máis sobranceiros da musivaria romana atopados na Península Ibérica.