Armenia

Armenia

Estado caucásico que ocupa a parte NO do altiplano de Armenia, entre o Pequeno Cáucaso e os Araks; limitada ao N por Xeorxia, ao L por Acerbaixán, ao SO por Turquía e ao SL por Irán (29.800 km2; 3.773.000 h [estim 1997]). A súa capital é Erevan.
Xeografía física
Desde un punto de vista morfolóxico alterna cadeas montañosas, altiplanos volcánicos e depresións tectónicas, sempre con altitudes por riba dos 1.000 m. O punto máis elevado é o volcán apagado Aragac (4.090 m), no NO do país. Ao S destaca o Kapytdžvch, de 3.904 m de altitude. Atópase nunha rexión de intensa actividade sísmica e por esta razón son relativamente frecuentes os tremores da terra. O clima é continental, con invernos fríos e veráns calorosos e secos, con escasas precipitacións. No tocante á hidrografía, a conca do Araks drena a maior parte do país. O lago Sevan, no centro do país, ocupa unha superficie de 1.275 km2, aloxado sobre unha das fosas tectónicas.
Xeografía económica
O predominio da industria na época soviética deixou trala transición unha distribución da poboación activa na que o sector primario recobra pulo e se sitúa no 44% (1995), fronte ao 32% do secundario e o 24% do terciario. A agricultura é especialmente produtiva nas concas de Alexandroúpolis e de Erevan. Destaca a produción de patacas, trigo e uva. A gandería (sobre todo ovina e bovina) é bastante importante e constitúe a base dunha serie de industrias derivadas (queixos, leite, la, coiro). Respecto á minería, Armenia ten reservas de ouro, cobre, aluminio e molibdeno; non obstante os seus recursos máis importantes son o xiz, o sal e o gas natural. A industria é o recurso económico máis importante e nela destacan a metalúrxica non férrea (cobre en Ailaverdi), a industria química (con implantación en Ailaverdi, Erevan e Vanadzor), a mecánica (fábricas de automóbiles de Kumajri e Vanadzor), a téxtil (nas cidades de Erevan, Vanadzor e Kumajri) e a de materiais de construción (industrias cementeiras de Ararat). Hai tamén industrias alimenticias e de calzado. Armenia iniciou un proceso de liberalización económica a principios de 1991 orientada aos seguintes obxectivos: reforma agraria radical adaptada ás condicións locais (en febreiro de 1993 había 243.000 explotacións privadas fronte a 183.000 en Rusia e 14.000 en Ucraína) e liberalización do pequeno comercio. Non obstante , a guerra contra Acerbaixán (1992-1994), que supuxo un bloqueo enerxético case total (o país quedou sen gas nin petróleo, tiveron que pararse as fábricas e deixaron de estar garantidas as necesidades enerxéticas e alimenticias da poboación), repercutiu negativamente na economía armenia, que ademais en 1992 sufría unha grave crise derivada da súa segregación da Unión Soviética e aínda non se recuperara do forte terremoto de 1988. O proceso de liberalización económica e a guerra trouxeron consecuencias negativas: do pleno emprego da época soviética pasouse a unha taxa de desemprego do 8,2% (1996) e aumentou a emigración, tanto aos EE UU como a Rusia. Malia a situación económica de Armenia no período 1993-1994 que motivou unha depreciación da moeda, redución da actividade industrial ou falta de mercados, o goberno aprobou o 19.11.1994 un paquete de reformas económicas que profundizaban no vieiro da súa apertura: rápida liberalización dos prezos baseada na supresión das subvencións, en particular para o prezo do pan; reforma dos impostos; redución do déficit orzamentario e reanudación do proceso de privatización, en especial das grandes empresas. Así mesmo, para solucionar o problema do abastacemento enerxético a partir de 1995 púxose en marcha a central nuclear de Medzamor. O problema do abastecemento enerxético de Armenia está na mesa de negociacións do conflito con Acerbaixán; así, as autoridades de Bakú propuxeron en 1998 ‘oleodutos a cambio de territorios’. A racionalización do sistema fiscal comezou a producir algunhas melloras no período 1997-1998: o valor da moeda estabilizouse e resolveuse o déficit do balance público. Os principais socios comerciais de Armenia son Rusia, o Turkmenistán e o Irán. As principais exportacións consisten en maquinaria, metais, metais preciosos, minerais e produtos químicos. Os produtos enerxéticos constitúen o núcleo das súas importacións. O dram é a moeda oficial.
Comunicacións
A rede de comunicacións está constituída por 7.720 km de estradas (1995), das que un 97% están asfaltadas, e conta con 174 km de autoestradas. A rede ferroviaria atópase pouco desenvolvida, tanto pola extensión (830 km en 1995) como polo trazado (forma parte dunha rede internacional que apenas cobre as necesidades internas). O principal aeroporto é o de Erevan.
Xeografía humana e sociedade
A poboación estimada de Armenia en 1997 era de 3.773.000 habitantes, dos que o 93,3% son armenios que conviven coas minorías acerbaixana (2,6%), kurda (1,9%) e rusa (1,6%). O crecemento anual da poboación era en 1995 do 6,8‰, sendo a súa natalidade do 13,3‰ e a mortalidade do 6,8‰. O grupo humano predominante é o armenio, que é unha variedade local do grupo humano anatólido. A lingua oficial é o armenio; sen embargo, fálase minoritariamente o kurdo e o ruso. Malia que Armenia é un estado laico, considérase a Igrexa armenia como a relixión nacional. O Índice de Desenvolvemento Humano en 1995 situaba a Armenia entre os países cun desenvolvemento humano medio (ocupa o 103° posto cun índice 0,651). Este Indicador desagregado ofrece o seguinte balance: a esperanza de vida ao nacemento é de 70,9 anos; o índice de alfabetización de adultos é do 98,8% da poboación; o índice bruto de escolaridade é do 78%; e o PNB real por habitante (PPA) é de 2.208 $ USA. Armenia é unha república presidencialista. Segundo a Constitución (5.7.1995) o poder executivo compárteno o Presidente e o Primeiro Ministro, que dirixe o Consello de Ministros. Dispón dunha cámara lexislativa, a Asemblea Nacional, composta por 190 membros. O ordenamento xurídico baséase no sistema continental europeo. Está prevista a pena de morte; sen embargo, o novo Código Penal (aprobado nunha primeira lectura pola Asemblea Nacional), contempla a abolición da pena capital para todos os delitos, tanto en tempos de guerra como de paz. O servizo militar é obrigatorio e non existe a alternativa dunha prestación social substitutoria, feito que motivou o encarceramento dos obxectores de conciencia. Ratificou ou adheriuse aos seguintes tratados: Pacto Internacional de Dereitos Civís e Políticos (PIDCP), Protocolo Facultativo do PIDCP, Pacto Internacional de Dereitos Económicos, Sociais e Culturais, Convención contra a Tortura e outros tratos ou penas crueis, inhumanas ou degradantes, Convención sobre o Estatuto dos Refuxiados (1951), Protocolo sobre o Estatuto dos Refuxiados (1967) e Convención sobre a Eliminación de Todas as Formas de Discriminación contra a Muller. O Alto Karabakh e Nakhicevan, situados en Acerbaixán, están poboados na súa maioría por armenios que reclaman a súa unión con Armenia. É membro da Comunidade de Estados Independentes (CEI), da Organización de Nacións Unidas (ONU) e da Organización para a Seguridade e Cooperación en Europa (OSCE).
Historia
A Armenia histórica non se limita á actual República, senón que abrangue tamén a parte NL da Turquía actual. Estes dous territorios de evolución inseparable quedan cercados ao S polas cordilleiras que bordean a conca inferior do lago Van e ao N polas serras Pónticas. Quitando citas esporádicas que aparecen en fontes babilonias, Armenia comeza a xogar un papel histórico de relevancia entre os ss X-IX a C, cando se constitúe o Reino de Urartu. Asirios (s VII), indoeuropeos (650 a C), medos (612 a C) e persas (549 a C) precederon na ocupación do territorio a Alexandre o Grande (330 a C), á morte do cal caeu en mans dos seleúcidas. No 190 a C, os romanos ocuparon parte do territorio. Na zona non ocupada Artaxias fundou ao ano seguinte o Reino da Armenia Maior e Zariadres o da Armenia Menor, que finalmente Vespasiano converteu en provincia romana; a Armenia Maior mantivo a súa independencia ata Traxano. Durante o s III d C comezaron as incursións persas no territorio armenio; no s IV unha parte da Armenia estaba en mans persas, outra nas de Roma, e posteriormente de Bizancio. Conquistada desde o 640 polos árabes, Armenia non se puido unificar ata o 855 (ou 863) cando o príncipe armenio Ašod Bagratuni fundou a dinastía dos Bagrátidas despois de recibir o Califa o título de Rei de Armenia. Baixo o goberno de Ašod III, que trasladou a capital a Ani, comezou a idade de ouro de Armenia. No 1064, sen embargo, a Armenia Maior caeu baixo o dominio dos turcos seleúcidas e no 1080 os bizantinos conquistaron a Armenia Menor. Daquela uns poucos armenios agrupados arredor do descendente bagrátida Rubén fuxiron a Cilicia, onde fundan o Reino de Armenia un novo estado que tamén foi chamado Nova Armenia ou Pequena Armenia. En canto á Armenia propiamente dita, despois da caída de Ani, foi ocupada polos mongois (ss XIII-XIV) e polos turcomanos, anexionada ao Imperio Turco (1473). Durante o s XVII converteuse en motivo de disputa entre persas e turcos, que no 1639 obtiveron toda a parte oriental de Armenia, o que leva aos armenios a solicitar a axuda de Rusia. No 1828 (Tratado de Turmançay) Rusia apropiouse de Karabakh, Erevan e Nakhičevan (máis ou menos o actual estado armenio), o que provocou un novo enfrontamento cos turcos, e que rematou coa ocupación rusa de Batumi, Kars e Ardahan (1828). Daquela o Sultán turco Abdülhamit II considerou a Armenia como fonte dun ulterior irredentismo e introduciu máis de 100.000 kurdos, que se dedicaron a violentar a poboación armenia e a expropiarlle as súas propiedades. Como consecuencia desta situación e dos contactos que os armenios tiveron cos movementos nacionalistas occidentais, os armenios comezaron a artellar movementos de resistencia organizada: no 1889 foi fundado o partido hinčak en Xenebra e en 1890 o de dašnak en Tbilisi. A represión turca foi moi dura. As chamadas matanzas de armenios principiaron en 1894 coa brutal represión da insurrección de Sasūn e tiveron un dos seus puntos culminantes durante a Primeira Guerra Mundial: en 1914-1915, a Armenia turca padeceu un exterminio en masa e en 1916 grandes masas da poboación armenia restante foron deportadas. Estes feitos produciron un despoboamento superior aos dous millóns de persoas. Despois da Revolución Bolxevique de 1917, a Armenia rusa entrou a formar parte de Transcaucasia. Cando a URSS asinou a Paz de Brest-Litovsk (marzo de 1918), pacto segundo o que devolvía Kars, Ardahan e Batumi a Turquía, a Transcaucasia opúxose, proclamándose o 22 de abril de 1918 a República Democrática Federativa Independente, que comprendía os estados de Xeorxia, Armenia e Acerbaixán. A unión foi breve: o 30 de maio Armenia declarouse independente, formalizándose a nova situación mediante o Tratado de Batumi, asinado con Turquía, no que se fixaban as fronteiras armenias en Erevan, Sevan, Edžmiatsin e Alexandroúpolis, o Tratado de Alexandroúpolis, polo que Armenia renunciaba a todos os territorios turcos e recoñecía a non existencia de minorías armenias en Turquía, e o Tratado de Sèvres (1920), polo que se recoñecía a independencia armenia. De todos os xeitos, os turcos kemalitas invadiron novamente Armenia, provocando a intervención da URSS, feito que mantivo os aliados á marxe. Malia os logros acadados internacionalmente tralo seu recoñecemento, en 1920 proclamouse en Armenia unha República Soviética, sen as rexións armenias de Nakhičevan e Karabakh (en Acerbaixán) nin Akhalkalaki e Akhaltsikhe (en Xeorxia). En 1922 entrou a formar parte da República Socialista Federativa de Transcaucasia, que agrupaba novamente os Estados de Xeorxia, Armenia e Acerbaixán. En 1936 desapareceu esa entidade política, polo que Armenia se converte nunha República Socialista Soviética. A pesar da admisión do principio das nacionalidades dentro da URSS, o Partido Comunista de Armenia, principalmente durante o período estalinista (no que estivo presidido por G. A. Arutinov), caracterizouse na súa actuación no interior, por unha política centralista e represiva de toda desviación nacionalista, se ben, de cara á diáspora, houbo un grande afán por presentar a Armenia soviética como un refuxio do pobo e da cultura armenios. As dificultades da posguerra interrumpiron a iniciativa. A morte de Stalin e o posterior proceso de desestalinización implicaron para a República Socialista Soviética de Armenia unha “armenización” case total dos cadros do Partido e da administración, así como unha flexibilización en materia cultural e relixiosa a prol da expresión do particularismo. Ao abeiro das reformas emprendidas por M. Gorbačov no conxunto da Unión Soviética produciuse a partir de 1985 a eclosión do nacionalismo armenio, que se expresou inicialmente coa reivindicación do control do enclave armenio de Nagorno-Karabakh, situado dentro da RSS de Acerbaixán. As reivindicacións pronto toparon coa resistencia azarí, producindo violentos enfrontamentos que desembocaron nun conflito armado entre as dúas repúblicas, o que provocou a intervención armada do Exército Vermello coa intención de establecer unha arbitraxe entrambos bandos e impoñer a Nagorno-Karabakh unha administración temporal dependente directamente do goberno central de Moscova, o que non puido impedir que se seguiran a producir enfrontamentos armados na fronteira. O 23 de xullo de 1990 o Soviet Supremo armenio declarou a súa soberanía, aínda que permaneceu no seo da URSS, mediante unha declaración de independencia e solicitou o recoñecemento internacional. Logo de diversos enfrontamentos entre as tropas soviéticas e os independentistas armenios, produciuse a entrevista entre Gorbačov e Levon Ter-Petrosian, quen deseñou o programa que conduciu á independencia de Armenia en 1991, referendada polo pobo armenio o 21 de setembro de 1991 (99,31% dos votos emitidos a favor) e recoñecida polo Soviet Supremo dous días máis tarde. Nas súas primeiras eleccións resultou gañador o Movemento Nacional Armenio e o seu presidente, Levon Ter-Petrosian, foi nomeado Presidente da República o 16 de outubro de 1991. No mes de decembro adheriuse á Confederación de Estados Independentes (CEI) e en marzo de 1992 ingresou na ONU. De febreiro a maio do 1992 unha nova ofensiva armenia permitiu conquistar Nagorno-Karabakh, aínda que o conflito armado prolongouse con maior ou menor virulencia ata o 16 de maio de 1994, cando se asina en Moscova un acordo de cesamento do fogo entre as autoridades de Erevan e Bakú. Á marxe dos problemas con Acerbaixán, o goberno armenio pretendeu lograr acordos con outros países cos que mantén conflitos territoriais ou étnicos: Turquía, que acusa a Armenia de acubillar os independentistas kurdos, e Irán, que acolle no seu territorio unha importante poboación armenia. En setembro de 1996 resultou reelexido, logo dunhas polémicas eleccións, Ter-Petrosian, quen nomea Primeiro Ministro a Robert Kotcharian -o duro nas negociacións de Nagorno-Karabakh- en marzo de 1997. No ano 1998, o executivo estivo presidido por Kochairán e o reformador Armen Darbinian. O 30 de maio de 1999 a coalición Unidade, liderada polo dirixente da etapa comunista Karen Demirchyan, gaña as eleccións lexislativas e o 11 de xuño de 1999 é nomeado Primeiro Ministro Vazgen Sor-Kisyan. Malia os esforzos de Sor-Kisyan por solucionar o conflito con Acerbaixán, que en 1999 causara 35.000 mortos e case un millón de refuxiados, non conseguiu frear a inestabilidade política do país, que se viu agravada o 27 de outubro de 1999 cando un comando armado irrumpiu no Parlamento asasinando a doce persoas, entre elas Sor-Kisyan, o presidente, os dous vicepresidentes da cámara e o ministro do Interior, e causando ducias de feridos.