Armenia, Igrexa

Armenia, Igrexa

Igrexa oriental de fe cristiá, propia do pobo armenio. Segundo a tradición, o apóstolo Bertomeu foi o primeiro evanxelizador das rexións armenias. Entre o 295 e o 300, Gregorio o Iluminador converteu o Rei Tirídates III, que proclamou o Cristianismo como relixión oficial do estado; Gregorio foi o primeiro catolicós (Patriarca da Igrexa Armenia). No 374 o catolicós Husik proclamou a autonomía da Igrexa Armenia verbo da de Antioquía; no Sínodo de Dvin (506-507) aceptáronse as doutrinas monofisistas. O Rei da Armenia Cilicia asinou a unión coa igrexa romana (1198), que durou ata a caída deste reino nas mans dos mamelucos (1375). No 1461 Muhammad II creou unha nova xurisdición en Constantinopla con título patriarcal. Xa dende finais do s XII ata 1375 os armenios da Pequena Armenia de Cilicia uníronse á Igrexa de Roma e adoptaron moitas prácticas occidentais, o que afectou á totalidade da Igrexa Armenia, que se une á romana (Concilio de Florencia, 1438-1439) baixo a denominación de Igrexa Armenia Unida. Esta unión non foi efectiva, especialmente a consecuencia da dominación turca. No 1741, o catolicós de Sis Abraham Ardzivian tomou, co consentimento de Roma, o título de Patriarca de Cilicia. No 1759, os católicos armenios do imperio turco foron agrupados nun vicariato ata que foi elixido (1830) o Arcebispado Primacial de Constantinopla. Estas dúas xurisdicións católicas uníronse no 1867, trasladándose a súa sé a Beirut (1925). Actualmente, a gran maioría do pobo armenio pertence á Igrexa Armenia Apostólica, repartida en sete dióceses: catro na República de Armenia e tres fóra dela.