Armenteira, Ero de
Cabaleiro a quen se lle atribúe a fundación do mosteiro de Armenteira. Pertencía a unha ilustre familia do Salnés, a onde se retirou tras loitar ao lado de Afonso VI nunha das campañas da Reconquista. Converteu o seu pazo en mosteiro e a capela en ermida, facéndose el mesmo ermitán. Logo integrouse na Orde do Císter, con catro discípulos que elixiron abade a Ero (1150). Segundo a lenda, Ero oíra a voz de Deus en forma do canto dun paxariño cando paseaba polos arredores do convento e estivo absorto máis de trescentos anos, de xeito que cando volveu ao mosteiro ninguén o coñeceu. O luns de Pascua celébrase na igrexa do mosteiro da Armenteira a romaría da Nosa Señora das Cabezas. Baséase na lenda de santo Ero, quen quedara absorto máis de trescentos tras oír a voz de Deus no canto dun paxariño. Esta lenda está representada nun baldaquino barroco de pedra situado no interior da igrexa conventual, no que Santo Ero aparece ollando cara á Nosa Señora.