Armenteira, Santa María de
Mosteiro situado no concello de Meis. A súa fundación, na aba do monte Castrove, atribúese ao seu primeiro abade, Ero de Armenteira, nobre galego que abandonou a vida cortesá polo retiro espiritual. Foi fundado no 1150 e rematado de construír no 1212. En 1162 pasou a depender da Orde do Císter. Recibiu numerosas doazóns territoriais, fundamentalmente nos ss XII-XIII, sobre todo por parte dos monarcas, testemuñadas en documentos reais de Afonso VII e Fernando II, así como en confirmacións pontificias de Anastasio IV e Alexandre III. Chegou a abranguer un amplo territorio que incluía o couto que rodeaba o mosteiro, e se estendía polo val do Salnés ata a vila de Cambados. Así mesmo, grazas ao favor real co que contaba, gozaba de prebendas á hora de acoller vasalos propios ou de permanecer exento do pagamento de tributos. Consérvanse no Arquivo Histórico Nacional de Madrid un total de 636 pergamiños dos ss XII-XV con documentación relativa a este mosteiro en lingua latina e romance, na súa maior parte inéditos. A igrexa, comunicada co claustro procesional que se agocha trala fachada do edificio conventual, é de planta basilical con tres ábsidas. Segue o modelo arquitectónico cisterciense, con poucas licencias á ornamentación en beneficio da claridade espacial. Destaca na fachada do templo un monumental rosetón de pedra, exemplo único en Galicia. No interior obsérvanse interesantes recursos arquitectónicos, como a cúpula de influencia mudéxar ou o abovedado das naves, á maneira borgoñona.