Armory Show
Armory Show
Nome dunha das primeiras e a máis célebre das exposicións de arte moderna celebrada nos EE UU. Foi organizada no 1913 polo fotógrafo Alfred Stieglitz, na armería do 69 Rexemento de Infantería de Nova York na que axuntou ao redor de 1.100 obras de pintura moderna. Ao lado de destacadas realizacións de pintura realista e impresionista e de pintores americanos como Whistler, Ryder e Twachtwann, expuxeron tamén os mellores pintores europeos das últimas tendencias plásticas do momento. Provocou unha reacción de censura e oposición de moita repercusión nos círculos afectados que non fixo senón alicerzar o movemento da arte moderna nos EE UU. De Nova York, a exposición pasou ao Art Institute de Chicago e a Boston.