Arnaut Catalan

Arnaut Catalan

Trobador provenzal activo entre 1220-1253. Durante moito tempo pensouse que era de orixe catalana, pero logo se demostrou que este dato non era certo; de feito, a liñaxe dos Catalan estaba moi estendida no Reino de Tolouse. A súa biografía constrúese, sobre todo, a partir das súas composicións. Así, pódese admitir que entre 1220 e 1245 frecuentou a corte do conde provenzal Berenguer IV, xa que en catro das súas cinco cançós fai referencia a Beatriz de Savoia, muller coa que casou o conde en 1219 ou 1220. Tamén se corrobora esta estadía nunha tenzón, así como nunha doazón feita polo conde na corte de Aix en 1241, na que o trobador asina como testemuña. Entre a produción literaria de Afonso X conservada no Cancioneiro da Biblioteca Nacional, atópase unha tenzón bilingüe (“Sénher, ara ie·us vein quer[er]”) entre o Rei e un tal Arnaldo -que a crítica identifica co trobador provenzal- na que, como é preceptivo neste tipo de composicións, se establece un diálogo entre os dous personaxes. O primeiro en falar, Arnaldo, emprega como lingua o occitano, mentres que o Rei Sabio utiliza a lingua propia da lírica no ámbito peninsular, o galego-portugués. A utilización do vento como metáfora escatolóxica é un motivo afín ao que aparece no debate que Arnaut Catalan mantivera con Berenguer IV. A composición que consta de catro estrofas de octosílabos masculinos, pertence á tipoloxía das cantigas de mestría e articúlase en cobras dobras. O esquema da tenzón (ababcdcd) parece que foi tomado da cançó “Quan vei la lauzeta mover” de Bernart de Ventadorn.