arquivo
(
-
[ARQUIV]
-
s
m
Conxunto da documentación producida e recibida por un organismo público, unha institución relixiosa ou laica, unha empresa, unha familia ou un individuo, como resultado da súa actividade, conservada en previsión dunha utilización xurídica ou histórica. Os arquivos reais máis antigos foron descubertos nas escavacións de Mesopotamia e Asia Menor. Nas cidades gregas e en Exipto os arquivos estaban localizados nos templos, mentres que na Roma Imperial o lugar era o Tabulario, no Capitolio. Os arquivos medievais son relativamente tardíos. Ata moi avanzado o s XI a escaseza documental está motivada polo predominio da actuación oral. No s XII a renovación do dereito romano deu lugar á valoración do escrito, coincidindo co uso do papel, que facilitou a formación de arquivos. A partir da Idade Media a evolución dos arquivos presenta tres etapas principais. Durante a primeira cada administración conservaba a propia documentación como testemuño da orixe dos dereitos (privilexios, sentencias, contratos, etc); o resto dos documentos, polo xeral, eliminábanse; o arquivo permanecía en segredo. Na segunda etapa, iniciada no s XVI, xa existía o propósito de reunir os diversos arquivos públicos nun depósito xeral de cada estado, que continuaba sendo secreto. Na terceira etapa (s XIX) transformouse radicalmente xa que se empezou a valorar a documentación pola súa importancia histórica (aparece nese tempo o arquivo histórico). Os arquivos abríronse ao público, e isto obrigou a unha organización adecuada. Unha nova evolución atinxiu á natureza das fontes conservadas: xunto aos documentos manuscritos incluíronse os impresos e máis tarde documentos gráficos e copias de documentos, e empezaron a recoller tamén cintas sonoras, películas, etc. Segundo o alcance e a procedencia, os arquivos poden ser xerais ou estatais (Archivo Histórico Nacional, Archivo General de Simancas), xudiciais, municipais ou doutros organismos da administración pública, fiscais, corporativos (Archivo de la Real Academia de Medicina y Cirugía), tales como os arquivos gremiais, notariais ou de protocolos, comerciais, de asociacións e fundacións culturais (arquivo do Instituto de Estudios Galegos, do Instituto José Cornide de Estudios Coruñeses, da Fundación Penzol) patrimoniais, tanto do Rei (patrimonio real) como de particulares (arquivo da Casa de Bárcena ou de Alba). Entre os arquivos eclesiásticos pódense distinguir os papais, metropolitanos, diocesanos, dos cabidos, de colexiatas e catedrais (arquivos catedralicios de Lugo, Mondoñedo, Ourense, Tui, Santiago de Compostela), ordes relixiosas (arquivo dos mosteiros de Oseira, Samos, etc), das corporacións eclesiáticas, das parroquias e das confrarías. Coa concepción moderna de función pública e a consideración do documento como parte do patrimonio cultural, apareceu o concepto moderno de arquivo na dobre vertente de soporte para a acción administrativa e para a investigación histórica. Considérase que o documento pasa por unha primeira idade, que correspondería ao momento da creación, a recepción e o uso na tramitación inicial e que se prolongaría uns cinco anos (fase activa). Unha segunda idade vén marcada polo descenso da consulta, que sería ocasional (fase semiactiva, ata 25-30 anos). Finalmente, a terceira idade xustificaría a conservación nunha institución, no caso de que a documentación conteña un potencial informativo e testemuñal evidente (fase inactiva, a partir dos 30 anos). Referidas ao conxunto dos documentos, as denominacións de arquivo de xestión, arquivo administrativo e arquivo histórico corresponden ás tres divisións mencionadas.
-
arquivo bibliográfico
Recompilación de noticias bibliográficas sobre temas diversos ou persoas determinadas.
-
arquivo capitular
Conxunto da documentación relativa á administración dunha catedral e ás institucións relacionadas con ela.
-
arquivo comercial
Conxunto da documentación producida por unha empresa de interese económico, xeralmente privada, que por diversas circunstancias pode pasar a ser depositado nun arquivo histórico.
-
arquivo de cine
Institución destinada a recoller e conservar materiais e obras cinematográficas. A creación dos arquivos de cine viuse dificultada pola baixa consideración que tivo o cine durante moito tempo, a neglixencia de moitos profesionais e as complicacións técnicas para a montaxe destes centros, especialmente no referido á conservación das vellas películas de nitrato. A tarefa está condicionada pola necesidade dunha temperatura constante e unha revisión permanente e coidadosa. Necesita, ademais, localización, edificios, laboratorios e técnicos especiais. A maioría dos arquivos, especialmente os de carácter nacional, están asociados e intercambian materiais por medio dunha federación internacional de arquivos do filme (FIAF).
-
arquivo diocesano/episcopal
Conxunto da documentación relativa á administración dunha diócese. En Galicia existen o arquivo diocesano de Santiago de Compostela e o arquivo histórico diocesano de Tui.
-
arquivo fiscal
Depósito central ou rexional da documentación relativa á administración económica dos bens do Estado e as finanzas públicas dende o s XVIII en diante, do que quedaban excluídos, polo xeral, os documentos antigos de orixe eclesiástica recollidos noutros arquivos de carácter histórico.
-
arquivo gremial
Arquivo formado pola documentación das corporacións profesionais.
-
arquivo histórico
Arquivo creado e ordenado coa finalidade de ser utilizado na investigación histórica. Un caso particular son os arquivos históricos provinciais, creados en España desde 1931. No caso de Galicia existen catro, o de Lugo, Ourense, Pontevedra e A Coruña, este último integrado no Arquivo Histórico do Reino de Galicia. Gardan documentación variada de carácter municipal, protocolos notariais, facenda, xulgados, confrarías relixiosas, centros de sanidade e beneficencia, etc. O Arquivo Histórico Provincial de Lugo está situado na Deputación Provincial, o de Ourense no Pazo Episcopal, mentres que o de Pontevedra ocupa un edificio independente. Outro arquivo galego importante é o Arquivo Histórico da Universidade de Santiago de Compostela.
-
arquivo hospitalario
Documentación producida pola administración dun hospital: manuais notariais, nómina de ingresos, provisións, cadro de persoal, inventario, etc.
-
arquivo municipal
Depósito dos documentos derivados da administración municipal. A medida que a estrutura feudal dos ss XI e XII permitía a formación de municipios, cada un deles procuraba conservar os documentos orixinais acreditativos dos privilexios e liberdades, e o rexistro das resolucións dos concellos, ademais dos libros de contabilidade. Modernamente, algúns arquivos municipais foron desdobrados. Á documentación antiga, sen vixencia administrativa, engadíronselle outras fontes documentais sendo trasladada a unhas instalacións apropiadas, dando lugar aos chamados arquivos históricos dunha localidade ou dunha comarca.
-
arquivo notarial/de protocolos
Depósito documental formado cos manuais ou protocolos notariais nos que se rexistran as minutas ou as actas realizadas polos notarios legalmente autorizados.
-
ar-quivo parroquial
Conxunto da documentación relativa á administración dunha parroquia.
-
arquivo patrimonial
Conxunto de documentación familiar formado por pactos matrimoniais, testamentos, inventarios, adquisicións, administración e alleamento de bens, etc, de carácter privado, mentres non se deposita nun arquivo público mantendo a unidade orixinal.
-
arquivo xudicial
Conxunto da documentación producida pola administración de xustiza civil e criminal.
-
s
m
-
s
m
[ARQUIV]
Edificio ou local destinado a albergar e custodiar unha colección de documentos.
-
s
m
[INFORM]
-
Espacio da memoria dun ordenador destinado a almacenar información.
-
Conxunto de datos estruturados que poden recuperarse facilmente e empregarse nunha aplicación determinada.
Sinónimos: ficheiro.
-