Arquivo do Reino de Galicia

Arquivo do Reino de Galicia

Arquivo xurdido como depósito da documentación xerada pola Real Audiencia de Galicia. Exerce como Arquivo Xeral de Galicia e Arquivo Histórico Provincial da Coruña desde 1945, e desde 1989 tamén como Arquivo Histórico da Administración Territorial Autonómica. Os seus antecedentes históricos parten das disposicións de Carlos V, que no ano 1543 ordenou gardar e conservar todos os procesos da Real Audiencia de Galicia, creada en 1480 polos Reis Católicos. No ano 1775, por unha Real Cédula de Carlos III creouse o Arquivo e foille asignado o persoal e o regulamento de funcionamento. Nun principio estivo instalado no Pazo da Real Audiencia (hoxe Capitanía Xeral), trasladado no 1936 ata o Pazo de Xustiza e, en 1956, á actual localización, na Casa da Cultura. Os fondos proceden de institucións públicas do ámbito galego e provincial da Coruña, destacando o fondo da Real Audiencia de Galicia, órgano de xustiza, administración e goberno durante o Antigo Réxime, con documentación desde o século XVI. Tamén é importante o seu fondo de arquivos privados, procedente de arquivos familiares, asociacións, fundacións, empresas ou de arquivos relixiosos, así como o fondo de coleccións textuais con documentos que datan do século XIII, pergamiños, cartografía ou fotografía.