Arquivo Histórico Universitario de Santiago
Arquivo de carácter histórico e institucional ligado á Universidade de Santiago. As súas instalacións están dotadas de salas de depósito, laboratorio de restauración, microfilme e salas de conferencias e de consulta. O fondo máis importante é o que constitúe a documentación relativa á Universidade, desde a súa fundación en 1495 (documentos dos antigos colexios de Fonseca e San Xerome, expedientes académicos, de limpeza de sangue, etc). Desde 1946 incorporou fondos, relativos á cidade e ao seu contorno: fondos de carácter relixioso con documentos procedentes de mosteiros e conventos, cabido catedralicio, confrarías e outras institucións eclesiásticas, documentación do Hospital Real, protocolos notariais de Santiago e arquivos familiares e persoais, como o fondo Castroviejo Blanco-Cicerón que reúne documentación relativa ao goberno político de Galicia no século XIX. Desde 1994 tamén alberga o Arquivo Municipal de Santiago, con fondos desde o século XVI ata 1940.